O CEIP Carrasqueira lanza un SOS

Publicado por o día 12/06/2019 na sección de Galicia,Vigo

O CEIP Carrasqueira lanza un SOS

Hoxe, mércores 12 de xullo, na cidade de Vigo FOANPAS procedeu facer pública unha situación que está tendo lugar no CEIP Carrasqueira que afecta ao benestar e desenvolvemento de tres nenos con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (de 4, 5 e 6 anos).

O CEIP Carrasqueira conta cunha Asistente Técnico Educativo (ATE) ou coidadora que, durante a mañá, atende a un neno e fai apoios puntuais a outros dous que o precisan. No horario do comedor, reforzábase este apoio con outro ATE, é dicir, o servizo de comedor contaba con dous ATEs para atender a tres nenos que o precisan.

As familias consideran que os seus fillos están a sufrir discriminación no horario de comedor por parte da Administración, xa que o 21 de decembro, sen previo aviso, a Xefatura Territorial de Educación retirou o apoio dun Asistente Técnico Educativo (ATE) ou coidador que prestaba apoio durante o servizo de comedor. Uns días antes, Dna. Teresa Rivas, membro do Equipo de Orientación Específica de Pontevedra, emitiu un informe despois de visitar a estes tres nenos nas súas respectivas aulas, sen previo aviso ao centro e sen acudir ao comedor, que é onde precisan o segundo coidador.

Dende entón, tanto a Dirección do centro (emitindo varios informes) como as familias, acudiron á inspección educativa e á Xefatura Territorial para solicitar que se restableza o segundo coidador no comedor, pero desoíron a petición.

Estamos a falar de tres nenos cun grao II de discapacidade, o que significa que teñen necesidades importantes que fan que precisen un apoio constante no comedor para garantir a súa alimentación e a súa seguridade, así como facilitar a convivencia no tempo de comedor que para eles supón un reto, por ser un entorno con multitude de elementos estimuladores (numerosas persoas, ruídos, movementos, etc.).

Durante estes meses, a Administración non quixo ver a complexidade e gravidade da situación. Non quixo escoitar, nin á Dirección do centro nin ás familias, posto que non recibe a todas as familias nin atende a petición de informes. E non quixo actuar, realizando os trámites necesarios para poñer fin a unha situación caótica, desestabilizadora e discriminatoria que está a afectar aos nenos, ás súas familias, aos/ás compañeiros/as do comedor, á coidadora que se ve superada por non dar atendido satisfactoriamente aos tres nenos e a toda a comunidade educativa que non se sinte escoitada nin apoiada.

As familias solicitamos que:
– A reincorporación inmediata do segundo coidador e que se manteña o vindeiro curso.
– Unha resposta e entrevista á nai que non foi recibida.
– A tramitación da solicitude de valoración feita ao Equipo de Orientación Específica.
– A copia do informe técnico o Equipo de Orientación Específica.

Comentar noticia

Your email address will not be published.