SOS MARCO de VIGO

Por un MARCO Independente
Por o 13/10/2017 | Sección: Cultura,Galicia,Vigo
SOS MARCO de VIGO

Unha recollida de sinaturas que avalen unha loita veciñal para que o museo referencial de Vigo, o MARCO, non perda a identidade que o caracterizou. Dese fundado temor, desa ameaza inminente, xorde esta iniciativa da Agrupación de Amigos do MARCO, entidade independente, sen adscrición política e representante da sociedade civil amante da arte, que pretende aglutinar todas as voces que desexen un museo cun proxecto libre e profesionalizado.

Por que asinar este comunicado?

1_Dende a súa apertura a fins de 2002, o MARCO desenvolveu a súa programación conforme aos enunciados dos Estatutos da Fundación, que o definen como centro dedicado á investigación, exhibición e difusión da creación artística contemporánea. Esa idea esencial foise enriquecendo “cunha mirada” universal sobre a arte ao longo da súa traxectoria ata o presente.

2_Nestes 15 anos leváronse a cabo 117 exposicións cunha media de 82.000 visitantes ao ano, a grande maioría delas con produción propia, e outras en colaboración con centros, museos e institucións de Galicia, España e de ámbito internacional. As liñas de programación abrangueron dende a revisión histórica —recuperación de autores e movementos artísticos do pasado recente en Galicia— ata mostras temáticas, individuais e colectivas, cuxo obxectivo foi ofrecer e situar a cidade de Vigo, que o acolle, como un referente no mapa da arte contemporánea.

3_O devandito labor ten sido acompañado dunha intensa programación de actividades educativasademais de funcións de investigación, conservación, documentación e formación de profesionais, que fan do museo algo máis ca un simple colector ou expositor de obras. Na súa vertente máis participativa, a área de formación materializouse en cursos (pintura, escultura, fotografía, cinema, música contemporánea, arquitectura, urbanismo…), encontros, obradoiros de artistas, e estadías en prácticas para estudantes, ademais de programas e actividades en colaboración con outros centros e institucións dirixidas a centos de escolares, adultos, público infantil e familias.

4_Para realizar este proxecto foi indispensable un equipo de profesionais, elixidos por concurso público, conscientes da importancia do seu labor. Dende a súa creación, a Fundación MARCO foi a forma xurídica que permitiu un modelo de xestión e de cooperación entre institucións, así como a consolidación dun equipo técnico profesionalizado.

5_A riqueza de relacións e intercambios, de ida e volta, xerados dende o MARCO ao longo destes anos, serviu para configurar un polo de atracción na cidade de Vigo, ao igual que para difundir e proxectar o traballo dos nosos artistas e profesionais.

6_A importancia do MARCO non é só presencial, senón tamén simbólica. Vigo é unha cidade moderna, berce de movementos de vangarda que ten neste museo un faro que —xa dende a súa orixe, coa transformación en centro de arte contemporánea dun edificio tan vencellado á memoria colectiva— contribúe a potenciar unha identidade de progreso para a cidade.

Por que agora?

Dende que, en decembro de 2016, o actual director presentase a súa renuncia a renovar o seu contrato, numerosas persoas, colectivos e institucións alertaron sobre a necesidade de poñer en marcha un concurso público para a nova dirección, facilitando unha transición que permitise a continuidade do MARCO como proxecto libre e profesional.

A Agrupación de Amigos do MARCO solicitou reiteradamente reunirse con Abel Caballero, (alcalde de Vigo e presidente da Fundación MARCO), ata o momento sen éxito. Este silencio só foi roto polas súas declaracións extraoficiais a medios de comunicación nas que avanza a súa intención de reformular toda a rede museística, sen achegar información precisa sobre os criterios ou protagonistas deses cambios.

As devanditas manifestacións, na nosa opinión, cuestionan gravemente o que ata agora foi o único proxecto definido, consolidado, exitoso e independente da cidade de Vigo: o MARCO. E a isto súmase a incerteza na que se está a sumir o seu equipo humano.

Por todo iso, dende a Agrupación de Amigos do MARCO:

Demandamos información sobre os plans que afectan ao futuro do MARCO.

Esiximos que se apoie e reforce este proxecto, que se foi consolidando con éxito ao longo de 15 anos, e que pode correr serio risco de desaparecer como espazo profesional e independente dedicado á cultura e a arte contemporánea.

Para mostar o apoio tan so tedes que entrar nesta ligazón https://sosmarcodevigo.wordpress.com/2017/10/09/manifesto/

SÚMATE! VIGO E A CULTURA MERÉCENO

Rubens Rocha
Nado en Vigo hai 34 anos. Nacionalista Galego, Fotoxornalista, activista defensor dos dereitos humanos e ambientais. Buscando que se recoñeza e respecte os patrimonios da cidade de Vigo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.