O STREET STUNTS deixa Vigo e empeza a negociar as ofertas doutras cidades para pechar as datas de 2018

Publicado por o día 31/10/2017 na sección de Deportes,Galicia,Vigo

O STREET STUNTS deixa Vigo e empeza a negociar as ofertas doutras cidades para pechar as datas de 2018

O Street Stunts deixa Vigo despois de tres anos de éxito e crecemento espectacular. A organización do evento deportivo e de lecer familiar, o único en Galicia certificado polo Consello Superior de Deporte para formar parte do Plan 2020 como evento exemplar que difunde o deporte entre os máis novos, toma esta decisión tras a reunión mantida co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, quen reiterou a súa negativa para celebrar a cuarta edición no espazo das Avenidas de Montero Ríos. Neste sentido, a Autoridade Portuaria aposta por dar prioridade á celebración de O’Marisquiño e a Vigo SeaFest (este último evento tan só celebrou unha edición na Cidade Olívica).

Tras moitos esforzos realizados durante as últimas semanas, a organización do Street Stunt lamenta ter que abandonar Vigo como sede principal, dada a imposibilidade de contar cunha localización á altura do evento exposto para 2018. Así as cousas, desde hoxe mesmo empézase a negociar con outras cidades interesadas en acoller o Street Stunts, dous delas galegas, que puxeron a disposición da organización todas as facilidades para a celebración do mesmo.

O Street Stunts despídese de Vigo tras unha edición, a de 2017, que rompeu todos os rexistros. Cabe lembrar que ao longo de tres días, o evento congregou a máis de 100.000 persoas, atraeu a 500 participantes de 20 nacionalidades distintas, celebrou 20 competicións (a metade delas internacionais), e contribuíu a lograr unha ocupación hostaleira do 100% en Vigo durante o fin de semana.