Suárez Illana reivindica a “xenerosidade” da Transición e avoga por salvagardar o seu espírito fronte a “os que chaman ao odio”

O avogado e político madrileño destaca o “enorme esforzo e sacrificio que fixeron os nosos pais por deixarnos os mellores anos da nosa historia” e aposta por ser capaces de “facer o mesmo e deixar unha España mellor que a que recibimos”
Publicado por o día 31/01/2019 na sección de Galicia,Partido Popular,Política,Vigo

Suárez Illana reivindica a “xenerosidade” da Transición e avoga por salvagardar o seu espírito fronte a “os que chaman ao odio”

O presidente da Fundación Concordia e Liberdade, Adolfo Suárez Illana, inaugurou hoxe, acompañado pola presidenta do PP de Vigo, Elena Muñoz, os # forosVigo cunha charla-coloquio sobre os ‘40 anos de Constitución’. Un marco no que o avogado e político madrileño reivindicou a “xenerosidade” de todos os españois durante a Transición, avogando por salvagardar este espírito fronte a “os que hoxe nos chaman ao odio”.
 
Durante o acto, ao que asistiron máis de 200 persoas e que tivo lugar no Salón rexio de “A Sede” do Real Club Celta, Suárez Illana destacou o “enorme esforzo e sacrificio que fixeron os nosos pais por deixarnos os mellores anos da nosa historia”, apostando por ser capaces de “facer o mesmo e deixar unha España mellor que a que recibimos”.
 
Neste sentido, o director da Fundación Concordia e Liberdade incidiu en que aquela fórmula “tan sinxela como complicada” baseouse no establecemento dunhas pautas comúns, poñendo “a vista no futuro”, e aceptando “sacrificios persoais” desde a “xenerosidade de todos”.
 
“Fomos capaces, desde a esquerda á dereita, ao centro, arriba e abaixo, de renunciar a algo para que, como dicía o meu pai, neste país haxa unha habitación que pode ocupar cada un de nós. E ese éxito colectivo debemos reclamalo permanentemente, perténcenos a todos e conseguímolo porque fomos unha sociedade extraordinaria”, incidiu.
 
Sobre esta base, Suárez Illana advertiu de que “o único perigo” que corren a concordia e a convivencia é “que nos abandonemos” permitindo que crezan “os que chaman ao odio”, que son “os verdadeiros inimigos de España”: “ Sintámonos orgullosos do bo que fixemos os dun lado e os de outro”.
 
Neste marco, avogou por impulsar unha Lei de Concordia que substitúa á malograda Lei de Memoria Histórica, e que sexa capaz de poñer o acento en “o perdón, baseado non o esquecemento, senón no vivo recordo das atrocidades que cometemos os uns e os outros”.
 

Impulsor e piloto da Transición

 
Pola súa banda, a presidenta do PP de Vigo, Elena Muñoz, resaltou a figura de Adolfo Suárez como “impulsor e piloto da Transición”, e defendeu a Constitución como ese “gran pacto nacional de convivencia que nos permite traballar unidos polo futuro sen esquecer o pasado”.
 
“Hoxe iniciamos estes Foros Vigo abertos a todos os vigueses, e facémolo cun invitado de excepción para falar da nosa Constitución e para lembrar que o consenso desde o que se construíu regalounos a mellor etapa de constitución da nosa historia”, subliñou.