Sumárdesvos á #19XAlertaFeminista

Publicado por o día 14/06/2017 na sección de Colectivos Feministas,Eventos,Protestas,Social,Vigo

Sumárdesvos á #19XAlertaFeminista

O próximo 19 de xuño as Organizacións de Mulleres únense á iniciativa promovida polo Movemento Feminista de Valencia e convocan #19XAlertaFeminista ante a aprobación do próximos PGE para 2017, e seguir denunciando que estes orzamentos non atenden as necesidades sociais e agravan os problemas de desigualdade entre homes e mulleres con consecuencias desastrosas para a vida das mulleres.

A idea é facernos presentes o 19 de xuño en todos aqueles concellos nos que unha Asociación de Mulleres, entidade, organización ou un simple grupo de mulleres queira organizalo.
Esta é unha proposta colectiva, sen padroazgos, tutelas nin protagonismos. Xorde das mulleres e é levada adiante por todas elas. Da PFG só actuamos como correa de transmisión e de difusión da convocatoria e animámosvos a que a espalledes aos vosos contactos.
Animámosvos a recollerdes esta iniciativa e que a fagades vosa, que a fagades medrar. Que o 19 de xuño nos fagamos visíbeis, dun modo maioritario, nos concellos da Galiza e que esta iniciativa consiga o efecto desexado.

Sen recursos e orzamentos os poderes públicos empezan a ser responsábeis das violencias machistas. Por iso exiximos a urxente asignación de partidas orzamentarias para combater as violencias machistas.

Se os poderes públicos, e á fronte deles o Goberno central, non habilita de inmediato recursos e orzamentos para facer fronte ao terrorismo machista que segue asasinando a mulleres e criaturas, van ter que asumir a responsabilidade que lles corresponde.

Xa non podemos aguantar nin un asasinato máis e porque, ademais, non se mostra interese en acabar co machismo, nin cos privilexios que sustenta o patriarcado, porque os asasinatos de mulleres normalizáronse, porque mañá podemos ser calquera de nós, ou as nosas fillas, nais, veciñas ou amigas, por iso unímonos as mulleres e organizacións de mulleres para sumarnos á iniciativa promovida a nivel estatal polo Movemento Feminista de Valencia.

Suma xa e faite presente no teu Concello o próximo 19 de Xuño ás 12:00 horas.