A profesora Susa Herrera será a invitada especial da libraría LIBROS PARA SOÑAR na presentación do seu novo libro-disco “En Cabárceno se sigue cantando”. A actuación, dirixida a público infantil a partir de 6 anos, será mañá mércores ás 18:00 horas, con entrada libre ata completar aforo.
“En Cabárceno se sigue cantando” é o segundo volume dunha serie que comezou co título “En Cabárceno se oye cantar”. Na continuación do seu anterior traballo, os protagonistas son outros dez animais aos que a autora lles dá vida co ritmo das súas cancións, convertendo esta proposta nunha viaxe polos cinco continentes a través da súa fauna.
Ademais das composicións de Susa Herrera, a publicación -editada por Montañas de Papel- conta coas ilustracións de Violeta Monreal e a produción musical de Carlos Calviño.
BALEA
Por outra parte, este venres ás 18:30 horas os ilustradores vigueses Federico Fernández e Germán González presentarán en LIBROS PARA SOÑAR o libro despregable titulado “Balea”, publicado por KALANDRAKA. Trátase dun mural pregado que representa a figura dun gran cetáceo mecánico dentro do mar, que se pode ver con dous puntos de vista complementarios: dende fóra e tamén o seu interior, onde habitan uns curiosos personaxes ataviados con traxes amarelos.
Así, os lectores poden xogar a imaxinar que din os inquilinos da balea, en que traballan ou como pasan o tempo de lecer. Federico Fernández e Germán González protagonizarán un espectáculo baseado na mímica, nos sons e no debuxo, xa que pintarán en directo para o público da libraría.
Ademais, a sala de exposicións de LIBROS PARA SOÑAR acolle durante este mes unha proxección de video continua na que os autores expoñen o proceso creativo desta asombrosa obra.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.