Suspenden a convocatoria da Manifestación do 17 de marzo a prol da sanidade pública en Vigo

Xunta de Persoal da área sanitaria de Vigo e a plataforma SOS Sanidade Pública: “Agradecemos o apoio da poboación que pensaba acudir á manifestación do día 17 en Vigo e temos que emprazala a seguir defendendo, cada día, un dereito que é de todas e todos e que cobra maior importancia en momentos como o que estamos a vivir”.
Publicado por o día 12/03/2020 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

Suspenden a convocatoria da Manifestación do 17 de marzo a prol da sanidade pública en Vigo

A Xunta de Persoal da área sanitaria de Vigo e a plataforma SOS Sanidade Pública temos realizado unha convocatoria de Manifestación para o día 17 de marzo na que facemos un chamamento as profesionais da sanidade pública e ao conxunto da cidadanía a saír a rúa a reclamar a recuperación da Sanidade Pública da nosa área sanitaria. Os motivos da convocatoria son coñecidos por todas e todos e están sobradamente xustificados.

Esta manifestación está convocada por profesionais da Sanidade Pública, a través da Xunta de Persoal, e pola alianza entre profesionais e colectivos, organizacións sociais, sindicais e políticas, a través de SOS Sanidade Pública; e conta co apoio expreso do colectivo de traballadoras e traballadores de Atención Primaria da área de Vigo.

Nas circunstancias actuais, de contención da enfermidade causada polo novo coronavirus, que obrigan e extremar as medidas de protección contra o contaxio entre as e os profesionais da sanidade, as organizacións convocantes valoramos que debemos suspender a convocatoria da Manifestación do 17 de marzo.

Por responsabilidade coa Sanidade Pública que defendemos pensamos que convocar a unha manifestación, neste contexto, a profesionais sanitarios pode supoñer un incremento do risco que non
debemos asumir porque, como profesionais da sanidade pública, temos unha responsabilidade ineludible con toda a sociedade.

Xunta de Persoal da área sanitaria de Vigo e a plataforma SOS Sanidade Pública: “Aparcamos as reivindicacións en defensa da Sanidade Pública polo ben común, pensando en estar dispoñibles ante o que poida suceder con este novo virus. Sempre, en casos coma este, as profesionais sanitarias son as primeiras que teñen que poñer a prevención por enriba de todo; porque se deben aos seus pacientes”.

É por isto que, da mesma maneira que se están a desconvocar reunións e congresos de profesionais da sanidade estes días, decidimos pospoñer a manifestación do día 17 en Vigo. Esta decisión é só o aprazamento dunha mobilización que considerarmos fundamental para defender e mellorar a nosa Sanidade Pública.

A loita por unha sanidade pública de calidade tamén implica actuar con responsabilidade, como veñen facendo as profesionais tanto na Atención Primaria como na Hospitalaria estes días. No contexto que estamos a vivir, consideramos esencial para a saúde da poboación contar cunha Sanidade Pública forte e cunha Atención Primaria cos recursos necesarios para garantir unha asistencia baseada na promoción da saúde, na prevención da enfermidade e na capacidade de realizar educación sanitaria, que permita que as e os pacientes se enfronten en mellores condicións á enfermidade.

Xunta de Persoal da área sanitaria de Vigo e a plataforma SOS Sanidade Pública: “Agradecemos o apoio da poboación que pensaba acudir á manifestación do día 17 en Vigo e temos que emprazala a seguir defendendo, cada día, un dereito que é de todas e todos e que cobra maior importancia en momentos como o que estamos a vivir”.

Xunta de Persoal da área sanitaria de Vigo e a plataforma SOS Sanidade Pública: “Por isto, no canto de facelo na rúa, emprazamos á cidadanía no seu conxunto a compartir a través das redes sociais, o mesmo 17 de marzo, a súa experiencia sobre a importancia da Sanidade Pública empregando o cancelo: #17MpolaSanidadePública”.