Suspendido un acto en Marín de AGABO e Mar de Lumes sobre a situación de Venezuela por recibir “ameazas”

Publicado por o día 24/05/2017 na sección de Eventos,Galicia,Marín,Vigo

Suspendido un acto en Marín de AGABO e Mar de Lumes sobre a situación de Venezuela por recibir “ameazas”

A Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez (AGABO) e Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista tiñan solicitado e convocado na Biblioteca Pública de Marín un acto público sobre a situación actual en Venezuela.

Estaba previsto que neste acto estivesen como convidados Mónica Sánchez, Cónsul Xeral de Venezuela en Galiza e Farruco Sesto, arquitecto e poeta e ministro de Cultura e tamén de Vivenda durante o goberno de Hugo Chávez.

O obxectivo do acto por parte dos organizadores era “dar a coñecer a realidade do país máis alá das distorsións e falsedades que certos grupos paragolpistas tentan difundir na nosa sociedade, transfirindo toda a responsabilidade das vítimas mortais, as feridas e a destrución das protestas das últimas semanas ao goberno de Nicolás Maduro e obviando o papel golpista da oposición e o xogo inxerencista das potencias que a apoian: dos Estados Unidos á Unión Europea, pasando pola Organización de Estados Americanos”.

Afirman que a chamada “oposición pacífica e democrática” ten no seu haber a violencia máis descarnada que acontece en Venezuela nos últimos tempos, facendo chamamentos á intervención militar estranxeira e descoñecendo as súas propias institucións públicas, o que leva a pensar que o seu obxectivo non é a construción dun país, senón o exterminio do chavismo.

O ACTO DE MARÍN QUEDOU FINALMENTE SUSPENDIDO SEGÚN OS ORGANIZADORES ANTE “A IMPOSIBILIDADE DE GARANTIR A INTEGRIDADE FÍSICA E MORAL DO PÚBLICO E DOS CONVIDADOS”.

AGABO “quere denunciar a connivencia do Estado español e do goberno municipal de Marín, autorizando, por medio da subdelegación do goberno, unha concentración pública destes grupos no mesmo lugar e á mesma hora que o acto que estaba previamente convocado. Ao facer isto, o goberno español fai deixación expresa das súas responsabilidades na protección da integridade das persoas e, o que é pior, favorece enfrentamentos violentos, a pesar de se ter posto no seu coñecemento as ameazas recibidas e malia ter visto xa, no exemplo da embaixada de Madrid, o grao de “pacifismo” das concentracións destes grupos”.

AGABO “comprométese a concretar novos actos de solidariedade nas vindeiras semanas xuntamente cos colectivos e organizacións solidarias co proceso bolivariano”.