Suxestión ao anteproxecto de lei polo que se modifica a lei de saúde de Galicia

Publicado por o día 31/08/2017 na sección de Cangas,Galicia,Sanidad

Suxestión ao anteproxecto de lei polo que se modifica a lei de saúde de Galicia

Unha vez revisado o Anteproxecto de Lei polo cal se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia e estando dentro do prazo de alegación (comprendido entre o 02/08/2017 ao 01/09/2017), o Concello de Cangas solicita á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade o seguinte:

– A retirada do Anteproxecto e a supresión da Xerencia Única de Área (EOXI)
– A recuperación da Xerencia deste nivel asistencial
– A recuperación dos recursos eliminados dos hospitais comarcais
– A participación veciñal na xestión e control do sistema de saúde

 

Esta institución considera que os cambios levados a cabo na lei anteriormente citada supoñen diversos inconvenientes para o Servizo Galego de Saúde. Un deles é a modificación dos instrumentos de participación social nesta área, polo que se impide a participación de axentes sociais e colectivos veciñais. Algo que complica e dificulta o papel na vixía e cumprimento dos dereitos en saúde.

Outra das cuestións fundamentais xira arredor da creación da Axencia Galega do Coñecemento, factor que favorece a entrada de multinacionais e de capital privado nas actividades de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

Deste xeito fináncianse con fondos públicos investigacións sen garantir que as patentes sexan públicas, deixándoas en mans privadas para a súa comercialización.

Sumado a todo isto, estes cambios manteñen as Estruturas de Xestión Integradas nas áreas sanitarias (EOXIS) e reducen as áreas sanitarias de once a sete, o que supón un recorte en postos de traballo e o peche de hospitais comarcais.