Taboada e Ramos e Covsa, empresas que construirán os novos reductores de velocidade do ‘PLAN MÓVESE 2’ da deputación

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que a adxudicación xa é oficial e que as obras comezarán no mes de febreiro
Por o 26/12/2018 | Sección: Deputación de Pontevedra
Taboada e Ramos e Covsa, empresas que construirán os novos reductores de velocidade do ‘PLAN MÓVESE 2’ da deputación

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar de forma oficial a construción de dous novos lotes de redutores de velocidade do Plan de Mobilidade e Velocidade Segura 2 (MÓVESE 2) ás empresas ‘Taboada e Ramos’ e ‘Covsa’. O deputado responsable da rede de estradas provincial, Uxío Benítez, explica que está previsto que as obras comecen no mes de febreiro, polo que se está a traballar xa no calendario de actuacións por concellos para os nove meses de prazo de execución do que dispoñen as construtoras.

O contrato para os novos ‘lombos’ do Plan Móvese 2 establecía un orzamento inicial de 1.552.000 euros, que finalmente se reduciu ata 1.177.712,49 euros sumando os dous lotes. O primeiro dos contratos (separados por cuestións de eficiencia xeográfica) é para a zona norte da provincia, en concreto para os concellos de A Estrada, A Lama, Barro, Bueu, Cambados, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Illa de Arousa, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, O Grove, Poio, Portas, Ribadumia, Rodeiro, Sanxenxo, Vilaboa e Vilanova, onde se construirán 184 redutores. Ascendeu trala licitación a 587.196,06 euros e foi para Taboada e Ramos SL logo de que se presentaran 13 empresas das que foi necesario excluír varias por caer en baixas temerarias nas súas ofertas económicas.

No caso da zona sur (As Neves, Baiona, Cañiza, Crecente, Gondomar, Mondariz, Mos, O Rosal, Ponteareas, Redondela, Soutomaior, Salceda, Salvaterra, Tomiño, Tui e Vigo) o importe inicial era de 763.434 e adxudicouse a Covsa por 590.516 euros por ser a mellor oferta técnica e económica tras valorar outras dez (das que tamén foi preciso excluír firmas por baixas temerarias). Construiranse 174 redutores físicos de velocidade e pasos de peóns sobreelevados.

Segundo explica o deputado Uxío Benítez o Plan Móvese 2 chegará nesta ocasión a 38 concellos da provincia coa instalación dun total de 358 novos elementos de calmado de tráfico que, unidos aos 638 do Plan Móvese inicial da Deputación e a todos os instalados polos gobernos municipais, sumarán un total aproximado duns 3.000 na provincia.

Nesta ocasión deuse a novidade de que os concellos de Rodeiro, A Estrada, Cambados, Meaño e Meis, que non solicitaran dispositivos de calmado de tráfico no primeiro plan Móvese, aproveitaron para sumarse á iniciativa provincial e facer as súas peticións, que ascenden a 50 redutores e pasos de peóns sobreelevados. Os municipios restantes desta nova fase repetiron solicitude para completar actuacións anteriores.

Benítez destaca que o inicio das obras do Plan Móvese 2 comezará tan pronto se pechen os trámites administrativos (de sinatura do contrato e presentación das actas de replantexamento), coa intención de evitar na medida do posible a mala da climatoloxía.

O deputado de Mobilidade lembra que existe unha grande demanda de elementos de calmado de tráfico por parte dos concellos. Destacou que as peticións á Deputación incluso se manteñen despois de ter pechado esta segunda fase do Móvese, motivo polo que deixa a porta aberta a unha nova edición.

Benítez lembra tamén que a tendencia xeral de seguranza viaria tanto no estado como no estranxeiro segue a liña de calmado de tráfico na que está a traballar a Deputación e sinalou que por iso o Plan Móvese está a ter recoñecementos de diferentes institucións como a Dirección Xeral de Tráfico ou a Asociación Española de la Carretera, así como peticións de colaboración técnica por parte doutras administracións.

Comentar noticia

Your email address will not be published.