Takekazu Asaka presenta en Santiago ‘A rosa de cen follas’, de Cabanillas, ao xaponés

O secretario xeral de Política Lingüística participou na presentación da nova edición bilingüe desta obra ao xaponés-galego feita polo profesor da Universidade de Tsudajuku que xa en 2013 lle dedicara a ‘Cantata’ ao autor cambadés
Publicado por o día 29/07/2019 na sección de Cultura,Turismo

Takekazu Asaka presenta en Santiago ‘A rosa de cen follas’, de Cabanillas, ao xaponés

Takekazu Asaka, profesor da Universidade de Tsudajuku, tradutor de galego ao xaponés e embaixador maior da nosa lingua propia no Xapón, presentou hoxe no compostelán Pazo de San Roque a nova edición bilingüe de A rosa de cen follas, de Ramón Cabanilllas, ao xaponés-galego. Asaka, Takiño en Galicia, xa lle dedicara en 2013 a Cantata ao autor cambadés. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación, na que reiterou “o agradecemento infindo da lingua e da cultura galegas, de todas e todos os galegos, a Takekazu Asaka, que é aquí, en Galicia, un máis de nós e, alí, no país do sol nacente, o máximo expoñente da proxección do noso idioma propio”.

Participaron canda eles na presentación o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro, Manuel González; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e o profesor e académico da lingua galega Francisco Fernández Rei, autor do limiar da obra.

Asaka dá ao prelo Hyakuyō ô bara/A rosa de cen follas. Breviario dun amor (2019), versión en xaponés do cancioneiro amoroso de Ramón Cabanillas que reproduce a editada polo cambadés en Mondariz-Balneario no ano 1927. Engádelle un vocabulario galego-xaponés co léxico dos poemas, acompáñao dun limiar da autoría de Francisco Fernández Rei, de Bibliografía e dunha coda na que el mesmo dá conta dos motivos que o levaron a traducir do galego ao xaponés e da dificultade para traducir ao Poeta da Raza, polos abundantes dialectalismos cambadeses, complexas metáforas e polimorfismos.

Anuncia, no peche, a vindeira edición dun cedé cos catro textos de A rosa de cen follas que conteñen partitura musical: IV Era un piniño novo, A capilla [VI A capilla adormíase nas sombras], Aureana do Sil [XXVIII As areas de ouro] e XXXII O Rei tiña unha filla.

Ilustrado por Ataque e impreso en Nishida (Osaka), conta cos patrocinios da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e do Concello de Cambados.

Embaixador da lingua e da cultura galegas no Xapón

Takekazu Asaka (Tokio, 1952), profesor de Filoloxía Románica na Universidade de Tsudajuku, entrou en contacto coa cultura e a lingua de Galicia a finais dos anos setenta, mantivo correspondencia no seu día con significados galeguistas, como Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto, e publicou desde entón numerosos artigos e investigacións relacionadas coa lingua galega.

Como ensaísta e investigador, conta cunha dilatada traxectoria galicianista que o levou a escribir volumes referenciais para a aprendizaxe do galego en Xapón, tales como a Gramática do galego moderno (1993), a Guía de conversa en galego (1994), o Vocabulario básico da lingua galega (1995), a monografía As linguas de España e Portugal (2005) ou a Nova gramática galega (2015), que xa vai pola súa segunda edición.

Especial relevo ten o seu labor como tradutor de figuras senlleiras da literatura galega ao idioma nipón, dedicación cuxo froito son as versións xaponesas dos Cantares gallegos (2009) e os Contos da miña terra (2014), de Rosalía de Castro; a Cantata a Ramón Cabanillas (2013), o seu Xograr Martín Codax (2015); Os Eidos (2017), de Novoneyra, ou Wakaba syuu/Follas novas, a edición bilingüe de Follas novas coa que o profesor completou en 2018 a tradución da obra rosaliana á lingua nipoa.

Unha das últimas contribucións de Takekazu Asaka aos estudos galegos é un traballo centrado nas formas de cortesía que tamén verá a luz proximamente na revista da Universidade Tsuda (Toquio).

Comentar noticia

Your email address will not be published.