Talento feminino e universitario en ‘Referentes Galegas’

As tres universidades galegas asinaron este luns un convenio coa Asociación Executivas de Galicia
Publicado por o día 17/12/2018 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Talento feminino e universitario en ‘Referentes Galegas’

A Universidade de Vigo, xunto coas outras dúas universidades públicas galegas, colaborará coa Asociación Executivas de Galicia no desenvolvemento do proxecto Referentes Galegas, o primeiro directorio que se crea en Galicia co obxectivo de reunir ao menos a 500 mulleres profesionais destacadas e líderes en todos os ámbitos da sociedade galega. A iniciativa presentouse este luns na Cidade da Cultura e, previamente á súa presentación pública, tivo lugar na sede da ACSUG a sinatura do acordo que facilitará esta colaboración, un acto no que se contou coa participación dos tres reitores –Manuel Reigosa, da Universidade de Vigo; Antonio López, da Universidade de Santiago de Compostela e Julio Abalde, da Universidade da Coruña-; a presidenta de Executivas de Galicia, Carla Reyes e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella.

Coa sinatura deste convenio, as tres universidades galegas comprométense a difundir o proxecto Referentes Galegas entre o alumnado e o profesorado de cada un dos campus, ademais de colaborar coa achega de nomes de mulleres destacadas no seu ámbito e vinculadas á universidade. Así a presidenta de Executivas de Galicia, fixo fincapé en que o obxectivo deste directorio é funcionar como unha guía, de modo que se consiga “unha maior presenza das mulleres nos medios de comunicación como fontes e expertas, pero tamén en outros lugares nos que se crea opinión”, ao que engadiu que a “igualdade implica unha sociedade máis xusta e tamén máis rica” e, neste sentido, sinalou que “referentes é un proxecto vivo que seguirá medrando día a día”.

Mulleres do ámbito empresarial, político e educativo

A presentación pública do proxecto na Cidade da Cultura contou coa participación do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. “A visibilización das mulleres é algo que tiña que estar funcionando desde hai tempo”, subliñou o presidente da Xunta, ao tempo que avogou por “cambiar a situación” e darlle ás mulleres “a voz e o protagonismo que merecen”.

Ademais de Mónica Peláez e Lidia Enrich, directivas de Executivas e coordinadoras de Referentes Galegas, ao acto asistiron tamén un destacado número  de mulleres do ámbito empresarial, político e educativo, entre elas a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama.

11 mulleres da UVigo

Neste directorio de profesionais galegas, hai once nomes de docentes e investigadoras da Universidade de Vigo. O campus con máis representantes é, precisamente,  o vigués, xa que é a el están vinculadas sete destas docentes, dúas das cales exercen na actualidade como vicerreitoras: Belén Rubio, catedrática de Estratigrafía do Departamento de Xeociencias Mariñas, exdecana da Facultade de Ciencias do Mar e actual vicerreitora de Investigación, e Mª Consuelo Pérez, actual vicerreitora de Transferencia e experta na aplicación de técnicas electroquímicas en distintos aspectos da corrosión (formigón armado, protección contra a corrosión…) Xunto a elas completan esta listaxe a catedrática de Inmunoloxía África González, directora do Cinbio (Centro de Investigación Biomédica), co-promotora da empresa NanoInmunoTech e actual presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía; a catedrática do Departamento de Teoría da Sinal e as Comunicacións, Carmen García Mateo, investigadora responsable do Grupo de Tecnoloxías Multimedia, premio Josefa Wonenburger 2014; a exdirectora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Mª Edita de Lorenzo, vicedecana do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e vogal (experta en tecnoloxía) da Unidade Muller e Ciencia; Irene Garrido, doutora en Ciencias Económicas e Empresariais que exerceu como secretaria de Estado de Economía e apoio á Empresa e presidenta do Instituto de Crédito Oficial, e Maruxa Álvarez, doutora en Bioloxía especializada en temas de coaching, liderado e traballo en equipo.

No campus de Pontevedra, o proxecto Referentes Galegas recoñece as traxectorias de tres docentes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación: Aurora García, directora da sección deparmental de Comunicación; Mercedes Román, profesora titular na Área de Xornalismo: Teoría e Historia da Comunicación e Beatriz Legerén, docente da Área de Deseño e creación de contidos interactivos e quen desempeñou diversos cargos en asociacións profesionais tanto do sector audiovisual como TIC, entre outros, presidenta de Eganet (Empresas galegas dedicadas a internet e as novas tecnoloxías).

A representación ourensá chega neste caso da man da decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, Elena Rivo, quen exerce tamén como subdirectora da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo.