Talento ‘xubilado’ para axudar a responder aos novos retos da sociedade

A agrupación está constituída por antigos membros da EU de Estudos Empresariais
Publicado por o día 27/11/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Talento ‘xubilado’ para axudar a responder aos novos retos da sociedade

Pór a disposición da Universidade de Vigo todo o seu talento para axudarlle a responder aos novos retos que formula a sociedade. Con este obxectivo a Asociación Club Mercurio, integrada por antigos membros xubilados da Escola Universitaria de Estudos Empresariais asinou este mércores un convenio coa institución académica viguesa no que ambas partes se comprometen a colaborar e a traballar, cóbado con cóbado, para responder aos grandes desafíos aos que se enfrontan a día de hoxe as universidades e a sociedade en xeral.

O reitor, Manuel Reigosa, e o presidente da asociación, José Carlos Álvarez, asinaron esta mañá o convenio marco de colaboración nun acto celebrado na propia escola e ao que asistiron numerosos membros desta agrupación, así como o actual equipo directivo da escola, encabezado pola directora Mª Consuelo Currás. “É un convenio moi ambicioso e, pola nosa banda, agardamos ser capaces de dar resposta a este reto”, subliñou Álvarez, quen fixo referencia a que “se ben a palabra de xubilado soa mal, é un nome cuxo valor está en crecemento”, xa que a sociedade se vai caracterizar cada vez máis pola súa hiperlonxevidade. “O que non ten sentido é que logo de traballar unha vida enteira te xubiles en torno a 65 anos, te queden moitos anos de vida e todo o coñecemento acumulado se bote a perder e non se aproveite”, recalcou o presidente, totalmente convencido de que “aínda podemos facer moitas cousas pola Universidade”.

Pola súa banda, o reitor agradeceu o “compromiso cun xeito de vivir a Universidade que durante toda a vosa vida profesional foi modélica e que queirades seguir contribuíndo aos fins desta casa que segue sendo a vosa”, recalcoulles, ao tempo que destacou a fortaleza dunha escola que sempre destacou “polo seu valor humano, polo compromiso de todas as persoas que forman parte do seu cadro de persoal”.

Entre outros asuntos, indagarán na historia da EUE de Empresariais

O propósito do convenio, de catro anos de duración, é a realización conxunta de actividades e proxectos en todo tipo de asuntos que resulten de interese para ambas entidades, incluíndo cuestións de investigación e difusión sobre competitividade de empresas, sistemas produtivos e territorios; o impulso da xestión e o emprendemento innovador; propostas de desenvolvemento económico e social para Galicia e Vigo, e o incremento da colaboración con empresas, así como a recompilación e investigación da traxectoria da EU de Estudos Empresariais, antiga Escola de Comercio, e dos membros que son parte da súa historia para así pór de manifesto o importante papel desenvolto na actividade empresarial e na economía da zona.

A idea é, segundo explicaron o reitor e o presidente da asociación,  que este convenio xeral se complemente no futuro con novos acordos máis específicos.

Con sede na propia escola

Con sede na propia escola, a Asociación Club Mercurio, creada hai apenas un par de anos, está constituída na actualidade por unha vintena de socios e socias ligados profesionalmente á EUE de Empresariais, incluíndo tanto ao persoal docente e investigador, como ao de administración e servizos e antigos egresados/as nalgún dos estudos impartidos por este centro dende a súa creación. Entre os seus integrantes destacan os ex-directores Mª del Pilar López, Jacobo Izquierdo ou Patricio Sánchez, así como numerosos profesores, entre eles Iago Santos Castroviejo ou Cristina Bruna.

Comentar noticia

Your email address will not be published.