O talud da estrada Generoso Domínguez reforzouse cunha maquinaria especializada da que só existen tres unidades en toda España

A obra de reparación dos desprendementos ocasionados polos temporais do pasado inverno estará rematada ao longo da próxima semana
Publicado por o día 12/04/2017 na sección de Galicia,Mos,Vigo

O talud da estrada Generoso Domínguez reforzouse cunha maquinaria especializada da que só existen tres unidades en toda España

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Vías e Obras, Luis Alonso, e o edil da parroquia de Cela, Cándido Pérez, visitaron as obras de estabilización de terraplén no vial Generoso Domínguez. Esta estrada sufrira xa un desprendemento no ano 2014 por mor dos temporais, que fora reparado e o temporal do pasado inverno volveuna derrubar.

O novo desprendemento produciuse non por defecto da obra de reconstrucción realizada anteriormente, senón por dano profundo da estrutura que requeriu agora dunha rápida actuación.

As obras realizadas para reforzo da plataforma viaria, que estarán rematadas ao longo da semana que ven, incluíron actuacións previas, execución de firmes e pavimentos, mellora da rede de drenaxe, reforzo do talud e instalación de sinalización, balizamento e defensas.

A reposición de firme e pavimento da estrada Generoso Domínguez, tendo en conta o seu volume de tráfico que ascende a unha cifra inferior a 50 vehículos pesados diarios, realizouse cunha capa de 30 cm de zahorra artificial, unha capa intermedia de 5 cm de mezcla bituminosa en quente, e unha capa de rodadura doutros 5 cm de mezcla bituminosa en quente.

Dispúxose, así mesmo, unha capa de 80 cm de grava compactada baixo a zahorra, o que serve de colchón de repartición para as Columnas de Módulo Controlado (CMC), e melloran o funcionamento da drenaxe subterránea. Acometeuse un peralte dun 4% no tramo curvo, con caída cara ao val, para favorecer a evacuación da auga que cae sobre a estrada. Os tramos rectos da estrada realizáronse con bombeo do 2%.

O Presuposto Base de Licitación, incluido IVA, ascende á cantidade de 130.869,12 euros subvencionados pola Deputación de Pontevedra con cargo ao Plan Concellos.

Columnas de Módulo Controlado

Para o reforzo do talud empregouse ou método de execución das Columnas de Módulo Controlado (CMC) que consiste nun método de reforzo en terreos brandos que se basea na introdución dunha rede ou malla de inclusións semirríxidas verticais de formigón, sen extracción de material, ata alcanzar un nivel competente onde se apoian. A través deste tratamento conséguese aumentar a capacidade portante, diminuír a deformación do terreo e aumentar a resistencia fronte ao deslizamiento.

Para levar a cabo estes traballos precísase dunha maquinaria especializada da que tan só existen tres unidades en España. Unha destas tres máquinas especiais para a acometida de Columnas de Módulo Controlado atópase estes días traballando en Mos.

No caso da estrada Generoso Domínguez optouse por reducir un pouco a separación entre columnas de morteiro pasando de 2,00 metros a unha separación de 1,85 metros a fin de evitar problemas de punzonamiento, unha vez definido o paquete de firme de 80 cm de grava, 30 cm de zahorra e 10 cm de aglomerado e distribuíndo ata catro filas de columnas de morteiro paralelas ao talud, concentrándoas desde o eixo cara ao exterior da calzada (terraplén), incluso unha fila no talud de coroación do muro de pedra. Para a execución desta última fila de columnas foi necesario escavar o terreo ata conseguir unha plataforma de traballo para a maquinaria encargada de realizalas.