Támara Echegoyen, Ángeles Barreiro ou Irena Blanco serán homenaxeadas nos V Premios do Deporte Feminino Galego

O venres 29 de setembro celebrarase en Pontevedra a gala na que se entregarán os premios correspondentes ao ano 2016.
Por o 11/09/2017 | Sección: Deportes,Deputación de Pontevedra,Galicia
Támara Echegoyen, Ángeles Barreiro ou Irena Blanco serán homenaxeadas nos V Premios do Deporte Feminino Galego

Támara Echegoyen, Ángeles Barreiro, Susana Rodríguez ou Irene Blanco son algunhas das protagonistas da Gala do Deporte Feminino Galego, que se celebrará o próximo día 29 de setembro en Pontevedra. No transcurso deste evento, organizado pola Deputación Provincial, procederemos a entrega dos V Premios do Deporte Feminino Galego, correspondentes ao ano 2016.

A cita é o 29 de setembro (20:30 horas) no Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra. Con estes premios, Mudegá busca lograr que os éxitos do deporte feminino, que son moitos e moi importantes, sexan recoñecidos pola sociedade.

O pasado mércores 5 de setembro reuniuse o xurado (formado por representantes de federacións deportivas, do CGTD, xornalistas, deportistas, Deputación Provincial e a propia asociación Mudegá) para estudar as candidaturas presentadas tanto por federacións coma clubs ou persoas a nivel particular. Entre as candidaturas, había deportistas cun curriculum espectacular, medallistas mundiais, olímpicas, directivas cunha espectacular traxectoria, clubs cunha longa historia, xente nova que comeza con magníficos resultados…

Así, Támara Echegoyen (campioa do mundo en 2016 e olímpica en Río na modalidade de vela, onde rozou a medalla ao rematar na cuarta posición despois de estar durante todas as regatas en cabeza) foi elixida como mellor deportista galega do 2016, mentres que o mellor equipo é o Breogán do Grove feminino, que logrou o título da I Liga Nacional de Sprint Olímpico Feminino (sénior e xuvenil) e da Copa da Raíña Senior de Sprint Olímpico. O xurado foi unánime ao outorgar o premio a mellor traxectoria deportiva a Ángeles Barreiro, unha das pioneiras do deporte galego (lanzadora de disco, olímpica en Barcelona 92, once veces campioa de España e 61 veces internacional).

A adestradora de esgrima Ruth Ballesteros foi elixida como a mellor adestradora polo espectacular traballo que está a realizar cos rapaces e rapazas que adestra, tanto na Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno coma no seu club, 100Tolos. Ademais, María Bautista (árbitra de taekwondo) acadou o premio á mellor xuíza do ano 2016. María, presente en todos os campionatos de España e varias probas internacionais -participou no Europeo sénior de taekwondo dese ano-, quedou ás portas da clasificación para os Xogos de Río. Rosa Patiño, a eterna secretaria do Celta de baloncesto feminino, foi elixida como mellor directiva polo seu traballo neste club durante máis de vinte anos.

O premio para a entidade privada máis colaboradora é para Pescamar, patrocinadora de Poio de fútbol sala, Arxil (baloncesto), Leis ou Cidade de Pontevedra (fútbol sala). Esta empresa colabora de forma activa co deporte dende hai varios anos e son moitos os clubs femininos que contan co seu apoio económico. Este ano quedaron baleiros os premios de mellor entidade pública e o de iniciativa a prol do deporte feminino.

O premio para o xornalista/medio de comunicación amigo foi ex aequo para Paula Montes e Óscar Losada, ambos cunha longa traxectoria profesional na que amosaron a súa sensibilidade para recoñecer os méritos do deporte feminino de forma igualitaria. A mellor deportista promesa é Irene Blanco (halterofilia) que non deixa de superar marcas nun ano excepcional (subcampioa de Europa sub 15, campioa de España sub 15, sub 17, subcampioa de España júnior e bronce sénior) e Susana Rodríguez Gacio (bronce no Europeo de Tríatlon, ouro no Mundial de Duatlón e quinta nos Xogos Olímpicos de Río) foi elixida mellor deportista con discapacidade do ano 2016. Ao coincidir os premios con ano olímpico, o xurado decidiu homenaxear tamén na gala a todas as deportistas galegas presentes en Río.

No transcurso da gala, tamén se entregarán tres mencións especiais: a Teresa Martínez Cancelo (árbitra de hoquei patíns que acaba de retirarse despois de máis de vinte anos na elite da arbitraxe), Cristina Fernández Piñeiro (primeira árbitra que dirixiu un partido da máxima categoría do balonmán masculino en España e a primeira árbitra internacional) e a Pilar Neira, que foi a fundadora de Mudegá e acaba de abandonar ese cargo despois de máis de dez anos ao fronte deste colectivo.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.