O Teatro Afundación Vigo acollerá a obra para escolares Sandra e Meirol en Xistralia

Asistirán máis de 3500 espectadores procedentes de centros escolares de Vigo e comarca.
Publicado por o día 30/01/2017 na sección de Cultura,Vigo

O Teatro Afundación Vigo acollerá a obra  para escolares Sandra e Meirol en Xistralia

O Auditorio do Teatro Afundación Vigo acollerá, desde hoxe ata o xoves 2 de febreiro, a representación da obra de teatro Sandra e Meirol en Xistralia, dentro da programación para escolares da Área Educativa da entidade. Máis de 3500 estudantes, procedentes de centros escolares da cidade e o seu contorno, participan desta iniciativa estruturada en dúas funcións diarias, ás 10.00 e ás 12.00 h, respectivamente.

A obra está concibida como un reforzo positivo por animar o estudantado a coñecer e investigar as tradicións que dan forma ás diferentes culturas, neste caso, a galega.

Desta maneira, os estudantes aprenderán a aceptar e comprender a diversidade e consolidarán valores coma o respecto, a liberdade, a igualdade ou a integridade. A proposta está enmarcada dentro das actividades educativas extracurriculares para escolares programadas para o curso 2016-2017 que teñen como obxectivo reforzar a formación que os estudantes reciben nas aulas. Así, a programación deseñada por Afundación promove unha educación en competencias transversais que potencian nos estudantes o talento, a autonomía, a solidariedade, a creatividade, o autoestima ou o traballo en equipo.

Sandra e Meirol en Xistralia, da compañía Gaiteiros da Xistra, está pensada para o segundo ciclo de educación primaria. Achegará os nenos ao país de Xistralia, onde os seus habitantes conviven con seres mitolóxicos e imaxinarios. Sandra, a protagonista, malia a súa curta idade, é unha grande experta en adiviñas, romances, cantigas e outras pezas e costumes que conforman o cancioneiro popular galego. Nas súas viaxes por Xistralia transitará por labirintos dos que sairá coa axuda dos fastudos, romperá os encantamentos da Meiga, descifrará os seus enigmas musicais e mesmo será raptada por Draco, o dragón de dúas cabezas, envexoso da súa curmá Coca. Pero Sandra nunca se dá por vencida e, finalmente, encontrará o xeito de liberarse ao lembrar a sabedoría e o gran consello do seu pai, un violinista cego que dicía «todo está no cancioneiro».

Así, axudada por Centoulo, o capitán da Farsa, e polos rapaces do lugar, vencerá a Draco a ritmos de treboada galega e danzas de espadas.