O Teatro Afundación de Vigo acollerá a representación teatral Tartufo da man do Centro Dramático Galego

A representación da obra de Molière terá lugar mañá ás 20.30 h
Publicado por o día 30/11/2016 na sección de Cultura,Vigo

O Teatro Afundación de Vigo acollerá a  representación teatral Tartufo da man do Centro  Dramático Galego

O Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) acollerá mañá, xoves 1 de decembro, ás 20.30 h, a representación teatral da obra de Molière, Tartufo, da man do Centro Dramático Galego. A función estará dirixida por Carles Alfaro e o elenco está conformado polos actores: Casilda Alfaro, César Cambeiro, Antela Cid, Xoán Fórneas, Mónica García, Marta Lado, Roberto Leal, Rebeca Montero, Alejandro Saá e Patricia Torres. As entradas están xa dispoñibles a través das canles de comercialización da entidade: na web www.ataquilla.com ou mediante o teléfono 902 504 500.

A REPRESENTACIÓN

Tanto Orgón, membro da alta burguesía parisiense, como a súa nai, a señora Pernela, atópanse baixo a influencia de Tartufo, un falso devoto que se erixe como director espiritual e que persegue, en realidade, quedar con todos os bens do seu protector. Ao mesmo tempo, este impostor trata de casar con Mariana, a filla de Orgón, mentres seduce a súa segunda muller, Elmira. A trama vaise complicando progresivamente coas intervencións de Damis (filla de Orgón), Cleanta (filla de Elmira) e Valerio (amante de Mariana), que son puntualmente comentadas desde o acedo punto de vista da criada Dorina.

A través da obra, Molière, brinda unha reflexión sobre o que pode chegar a suceder cando alguén se interpón entre o poder e quen o posúe, co fin de satisfacer os seus propios intereses. Fala do alcance das aparencias, da cegueira que provoca non querer ver, e de como as visións rematan por deformar a realidade.

O DIRECTOR

Fundador da compañía Moma Teatre en 1982. Tamén é actor, adaptador, escenógrafo e deseñador de iluminación. Formouse como actor en Valencia, Madrid, Oslo e Nova York, e diplómase en Dirección Escénica na British Theatre Association Directors de Londres. Os seus traballo fixérono merecedor do Premi de Teatres da Generalitat Valenciana, do Premio da Crítica e de premios de diferentes asociacións á mellor dirección entre 1993 e 2003. Alfaro dirixe habitualmente para centros de produción públicos: Teatro de La Abadía, Centro Dramático Nacional, Compañía Nacional de Teatro Clásico, Teatro de la Zarzuela, Teatro Español en Madrid, Teatre Nacional de Catalunya, Teatre Lliure ou o Festival Temporada Alta (Girona, Cataluña); pero tamén dirixe diferentes agrupacións privadas. Entre os seus galardóns recibidos destacan: premios Max ao Mellor Espectáculo Revelación por Nacidos culpables (Moma Teatre, 2001), á Mellor Escenografía por La caída (Moma Teatre e Teatre Nacional de Catalunya, 2003), á Mellor Dirección por El lindo don Diego (Compañía Nacional de Teatro Clásico, 2014) e á Mellor Adaptación por El extranjero (Teatre Lliure, 2014).

Obtivo tamén o Premio ADE da Asociación de Directores de Escena de España á Mellor Dirección por El arte de la comedia (Teatro de La Abadía, 2010) ou o Premio Ceres á Mellor Dirección por ¡¡¡Atchúusss!!! (Pentación, 2015), entre outros.