Teatro sobre o esquecemento no Día Mundial do Teatro

A estrea terá lugar o día Mundial do Alzhéimer, 21 de setembro ás 20:30, no Teatro Principal de Santiago de Compostela e terá carácter benéfico a favor da Asociación. As entradas poñeranse á venda a 10 euros. Haberá unha fila cero para todos os que queira colaborar.
Publicado por o día 18/09/2017 na sección de Cultura,Galicia,Santiago

Teatro sobre o esquecemento no Día Mundial do Teatro

Pepa Barreiro volve ao teatro da man de ButacaZero para levar a escena unha das problemáticas sociais máis presentes na nosa sociedade galega, nomeadamente envellecida: a das enfermidades que teñen que ver coa perda de memoria. O proxecto teatral nace da pluma de Esther F. Carrodeguas, que ven de conquistar ao público con Voaxa e Carmín, aínda en xira, e que agora decide enfrentarse a un tearo social pero de novo poético, para ofrecer unha visión optimista e folisófica arredor dunha problemáica tan complexa como son as doenzas relacionadas co esquecemento.

Tanto o texto de Carrodeguas como a súa proposta teatral conquistaron o corazón de AGADEA e tamén da Editorial Galaxia, que decidiu sacar do prelo o libro para facelo coindicir coa estrea, o 21 de setembro, día Mundial do Alzhéimer. Unha estrea que precisamente axudará á Asociación para Axuda aos enfermos e enfermas de Alzhéimer de Santiago de Compostela, xa que terá carácter benéfico. Para que todo puidera chegar a bo porto, ButacaZero e Agadea contaron coa complicidade da Concellería de Benestar Social da capital, que puxo a dispoción o mellor espazo da cidade: o Teatro Principal.

COMO NACE O PROXECTO

Carrodeguas e Barreiro traballaron xuntas dende o primeiro día para conseguir crear un texto que se amoldara perfectamente á poética da escritora pero tamén á potencia escénica da actriz. Decidiron embarcarse neste proxecto xuntas porque

ambas tiñan familiares con doenzas relacionadas co esquecemento. Mais reflexioanando nas táboas sobre a enfermidade, chegaron a crear un proxecto que en realidade vai máis aló, dando un punto de vista filosófico sobre o vivir no presente, sen a presión contínua que adoito sufrimos do noso pasado e o noso futuro: preocupacións, culpas, ambicións… Para o traballo de luz e audiovisual que a proposta escénica requería, contaron co traballo de Laura Iturralde.

O LIBRO, DA MAN DE GALAXIA

O texto teatral chegará da man de Galaxia a todas as librarías de Galicia, a partir do propio día 21 de setembro. Un texto que é poesía visual ademáis de teatro e que nos fai meternos no pensamento dunha persoa que esquece o seu pasado, o seu futuro, e que así, vive no presente, sen filtros, sen condicionamentos, sen culpa, sen nada. Unha persoa que está, que simplemente: é. E así, podemos rir con ela, chorar con ela, berrar con ela, coller rabia con ela….

NA BUTACA. UN PROXECTO TAMÉN SOCIAL

O proxecto “Na Butaca”, ademáis de constar de obra de teatro e texto, vai aínda máis alá, ofrecendo dúas actividades complementarias que se irán desenvolvendo en moitos dos lugares onde chegue a obra: Obradoiros de Teatro e Memoria, e Teatro-Foro.

Obradoiros ​de Teatro e Memoria. Deseñados para grupos de envellecemento activo, para coidadores e coidadoras, para alumnado de institutos…. Cada obradoiro virá deseñado particularmente, demostrando que o teatro é unha ferramenta moi útil para traballar a memoria.

Teatro-Foro. A xira de “Na Butaca” ten previstas numerosas funcións para Bacharelato, para o cal ButacaZero deseñou, da man da psicóloga social Amantia Coello, un teatro foro posterior á obra, para que o alumnado poida reflexioar sobre as temáticas presentes na obra.

​XIRA INICIAL

Velaquí vos deixamos o listado de datas pechadas a día de hoxe:

21 SETEMBRO. 20:30. ESTREA

TEATRO PRINCIPAL SANTIAGO COMPOSTELA (BENÉFICA AGADEA)

22 SETEMNRO. 20H. AUDITORIO MUNICIPAL RIANXO

23 SETEMBRO. 20H. AUDITORIO DA XUVENTUDE CAMBADOS

29 SETEMBRO. 20:30H. TEATRO PRINCIPAL A ESTRADA  (BENÉFICA AGADEA)

1 OUTUBRO. 20:00H. AUDITORIO MUNICIPAL RIBEIRA. (BENÉFICA AGADEA)

21 OUTUBRO. 22:30. MULTIUSOS XUNQUEIRA. REDONDELA

28 OUTUBRO. 20:30. CASA CULTURA CEE.

10-11-12 OUTUBRO. 21:30-21:30-20H. SALA ÁRTIKA. VIGO.

17-18 NOVEMBRO. 21:30. SALA INGRÁVIDA. PORRIÑO

Na butaca [Fantasía nº3 en Dor Maior]

Unha peza poética que dende un punto de vista optimista aborda unha temática que por desgraza a moitos nos toca de cerca: a das persoas que sufren demencia senil ou alzheimer.

Sinopse: A obra, partindo da idea do vivir no presente dunha personaxe sentada na butaca e esquecida -perdida do seu pasado e do seu futuro, tamén- achéganos a unha realidade que por veces nos amosa paz e outras anguria; felicidade ou rabia. E xunto a ela imos do cómico ao escatolóxico pasando polo transcendente.

​N​a butaca remata por ser un alegato –poético- a favor da vida vivida no presente. Ao fin e ao cabo, quen non pensou algunha vez que o esquecemento nos faría máis felices?

​En escena: Pepa Barreiro

Texto e dirección: Esther F. Carrodeguas​

​Luz e audiovisuais: Laura Iturralde

Asesoramento vocal: Cristina Dominguez

Asesoramento corporal: Olga Camaselle

Tipo de espectáculo: Teatro cntemporáneo.

Tipo de público: Adulto + Adolescente