Técnicos forestais concentráronse diante do Parlamento para esixir a apertura da mesa de negociación

Debido á falta de resposta da Consellaría do Medio Rural, fixeron públicas as súas reivindicacións cadrando coa presentación do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga) 2019
Publicado por o día 29/05/2019 na sección de CC.OO,CIG,SF Intersindical,Sindicatos,UFP

Técnicos forestais concentráronse diante do Parlamento para esixir a apertura da mesa de negociación

Técnicos forestais concentráronse na tarde do martes en Santiago de Compostela para esixir a apertura da mesa de negociación, pedida unitariamente polos sindicatos hai máis dun ano. O acto reivindicativo tivo lugar diante do Parlamento de Galicia, aproveitando a presenza do conselleiro do Medio Rural para informar do Pladiga 2019.

A comezos de maio de 2018, os sindicatos CCOO, UGT, CIG e CSI-F presentaron conxuntamente ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellaría do Medio Rural unha solicitude para abrir a mesa de negociación para a actualización do acordo de condicións de traballo deste colectivo, vinculado á prevención e á extinción de incendios.

Segundo CCOO, o cadro de persoal data de hai vinte anos, cando non existían nin a lei de incendios de Galicia, nin a lei de montes de Galicia, nin a certificación forestal dos montes de xestión pública. Nos últimos tempos, o desenvolvemento da normativa sectorial forestal obriga a este persoal técnico a fiscalizar cada vez máis a xestión do territorio.

A diversidade das funcións —agravada no caso dos técnicos e xefes de distrito— e a carga de cada unha delas son moi numerosas e obxectivamente cuantificables mediante diversos parámetros: obras proxectadas e direccións de obra, aproveitamentos forestais executados en montes de xestión pública, expedientes de axudas públicas, convenios con Concellos, investigacións de causas dos incendios forestais, número de solicitudes de aproveitamentos privados fiscalizados, xestión de medios nos centros de coordinación, dirección de extinción de incendios forestais, actuacións para a divulgación forestal ou tarefas de extensión forestal.

O acordo polo que se rexe o colectivo para a realización do traballo na época de máximo risco de incendios entrou en vigor en 2008 e, malia que está prorrogado tacitamente, non se actualizou desde o seu asinamento, o que provoca un desfase considerable entre as condicións de traballo e as circunstancias legais e económicas do momento actual.

Esíxese que se considere como tempo de traballo efectivo as 500 horas nocturnas anuais que fan os técnicos forestais —por riba da carga horaria doutros funcionarios—, como marca o dereito comunitario, así como o cumprimento da normativa laboral en relación coas horas traballadas e descansos semanais dos xefes dos distritos.

Demándase, tamén, unha reorganización das condicións de traballo do persoal técnico vinculado ao Servizo Público de Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF), cun aumento substancial do persoal técnico funcionario que permita atender as múltiples tarefas que esixe a normativa sectorial forestal, cun número de días de descanso e de vacacións axeitado e cunha mellora das retribucións. Outras peticións refírense a unha oferta de emprego público para cubrir todas as vacantes, así como a segunda actividade e os coeficientes redutores.

Comentar noticia

Your email address will not be published.