Na tarde de onte no local da asociación, celebrouse unha asemblea para tratar sobre a situación da conexión de transporte urbano desde Teis ao hospital Alvaro Cunqueiro, debido as queixas da veciñanza.
Desde a apertura do novo hospital Álvaro Cunqueiro, disto fai un ano, as queixas son continuas da veciñanza que utiliza o autobús urbanos cara o novo hospital desde Teis.
A veciñanza de Teis, ten que desprazarse ate a avenida de García Barbón (Casa de Artes e Oficios) H1 ou até os Choróns H2 para poder conseguir un enlace para ir ao novo hospital.
Non hai ningunha liña que pase ou saia da parroquia de Teis. A liña H1, non funciona nin sábados, domingos e festivos.
Debemos ter en conta que unha parte importante dos/as usuarios/as son persoas maiores e supón un problema ter que coller varios autobuses, os domingos e festivos chegar ao Álvaro Cunqueiro supón un esforzo enorme para visitar aos familiares.
Temos un hospital con moitas deficiencias e a maiores carecemos dun bo transporte urbano que nós permita chegar ao hospital desde Teis.
Desde a Asociación entendemos que debe ser unha prioridade mellorar a conexión do autobús urbano co hospital Álvaro Cunqueiro desde Teis.
O goberno municipal debe esixir a empresa concesionaria “Vitrasa“ que mellore este servizo debidamente e que atenda as demandas da veciñanza de Teis.
A Asociación xa solicitou dúas xuntanzas coa Concellaría de Transporte unha o pasado ano e outro neste, sen recibir até o de agora ningunha resposta.
Desde a Asociación Veciñal de Teis, propoñemos que a liña H2 e H1 sexan ampliadas até Teis e que a liña H1 funcione os sábados,domingos e festivos.
A asemblea debido a falta de resposta do Concello a está demanda, acordou comezar unha campaña de recollida de sinaturas entre a veciñanza e convocar unha concentración o martes 27 de setembro ás 19:00 horas, diante do mercado.