Teis, reivindica no orzamento do concello máis investimento

A asociación veciñal de Teis, reivindica no orzamento do concello máis investimento para a biblioteca, novas beirarrúas, asfaltados, a ampliación da Baixada a igrexa e un novo parque infantil para o barrio
Publicado por o día 16/12/2018 na sección de A.V. Teis,Galicia,Social,Vigo

Teis, reivindica no orzamento do concello máis investimento

A Asociación Veciñal de Teis, presentou esta semana no rexistro do Concello de Vigo, cinco reclamacións ao orzamento do Concello de Vigo para o ano 2019, que se atopaba en período de exposición pública.

Nestas alegacións a Asociación Veciñal de Teis, reivindica a inclusión no orzamento da ampliación dunha partida e a creación de catro novas partidas, por un importe total 2.164.000 euros.

Un maior investimento para a biblioteca, ludoteca e local xuvenil prevista no antigo centro de saúde cunha partida  de 964.000 euros, a ampliación da Baixada a Igrexa por un importe de 120.000 euros, a construción dun novo parque infantil cunha partida 400.000 euros,  a construción de beirarrúas cunha partida de 450.000 euros e un plan de asfaltado de rúas de Teis por un importe de 230.000 euros.

Biblioteca, ludoteca e local xuvenil.

No caso da biblioteca puidemos comprobar que só recolle unha partida de 115.000 euros.Tendo en conta que o edificio do antigo centro de saúde, na rúa Enrique Lorenzo,  que acollerá a biblioteca e que foi cedido hai escasas semanas pola seguranza social, necesita un gran investimento para adaptalo aos novos usos,  pois atopase  abandonado desde o ano 2000.  A cantidade que figura no orzamento é totalmente insuficiente é sinala a falta de interese deste goberno neste proxecto. O que non vai permitir contar cunha biblioteca en Teis en 2019.

Nos orzamentos podemos comprobar por exemplo que coa sala de lectura de Navia, no orzamento de 2018 figuraba un investimento de 324.000 euros e para o orzamento de 2019 hai dúas partidas de 57.000 euros e 56.000 euros.  

Hai que lembrar que a reivindicación das anpas e da asociación, foi o que conseguiu que este edifico esquecido polas administracións acabara destinándose finalmente para  biblioteca.

Desde a Asociación Veciñal de Teis, defendemos desde hai anos a necesidade que neste edificio acolla unha biblioteca, ludoteca e local xuvenil. E non se limite só a unha sala de lectura e que perdamos unha oportunidade de dotar a Teis dunha boa dotación sociocultural.    

Construción de beirarrúas.

No barrio de Teis, podemos aínda observar como hai rúas que carecen dunha simple beirarrúa nalgunha das marxes. Esta situación provoca perigo para a veciñanza que vive ou pasar por estas rúas, pois son rúas moi transitadas e hai risco de atropelo.

Esta asociación xa ten solicitado a este goberno municipal, a necesidade de construír beirarrúas nestas rúas, pero até o de agora non foi unha prioridade.

Aquelas rúas nas que sería máis urxente actuar son a 1º Travesía da Oliveira, rúa Gerardo Campos Ramos, camiño de Foxos e a rúa Roris.

Novo parque infantil.

Desde fai anos vimos denunciando que os parques infantís existentes son insuficientes para atender as necesidades das familias do barrio. Polo tanto non se trata só de mellorar os existentes parques infantís que tamén, si non de crean máis.

Esta asociación incluso ten sinalado terreos municipais abandonados que poderían destinarse como parque infantil, en concreto hai terreos municipais abandonados a altura do auditorio de Teis ou dos grandes parques como a Riouxa e A Guía.  

Ampliación da Baixada a Igrexa.

Desde hai anos a veciñanza denunciamos a estreites nun tramo desta baixada, que impide o paso de vehículos de emerxencia e pasan con moita dificultade os turismos. Esta baixada e moi utilizada por moita veciñanza, pois e un dos acesos a igrexa parroquial de San Salvador.O pasado inverno nesta Baixada, debido ao mal estado de conservación dun muro houbo continuos desprendementos e cortes nesta vía.

A solución pasa por realizar un novo muro ampliando a baixada, no tramo máis estreito entre os números 31 e 54.  A construción dun novo muro, permitiría garantir a seguridade da veciñanza e mellorar o aceso no lugar.