Telefónica, outra loita silenciada

Publicado por o día 23/04/2015 na sección de Opinión,Opinión por Miguel Diéguez

Telefónica, outra loita silenciada

Dicía Pascual Serrano que en Estados Unidos podías criticar todo canto quixeses ao Presidente, pero non publicar que se atopou unha mosca dentro dunha botella de Coca-Cola. Cando hai uns días encontrei un grupo de traballadores e traballadoras das contratas de instalación de Telefónica que repartían panfletos por Vigo, un deles comentoume algo moi parecido: “se gañamos este pulso á empresa, ao día seguinte comprarán todas as portadas dos xornais como fixo Coca-Cola despois de que o Supremo lle tombara o ERE”.

Non é ningunha novidade que os medios de comunicación silencien conflitos laborais. En Vigo aínda está fresco o caso de Povisa, unha folga de fame histórica na que tres persoas superaron a decena de días, pero que apenas tivo repercusión mediática. O mesmo está acontecendo co persoal das contratas de Telefónica, en folga indefinida en Galicia desde o día 14 e incluso desde antes noutros territorios.

España segue sufrindo as consecuencias de herdar un sistema de medios de comunicación marcadamente oligopólico no que, como diría Correa, a liberdade de prensa é a liberdade do dono da imprenta. Fronte a outros países cunha tradición democrática más consolidada, como o Reino Unido, en España os medios de comunicación, públicos e privados, silencian sen ningún pudor aquelas noticias que non lles conveñen.

A pesar das adversidades, o persoal de contratas de Telefónica, pouco a pouco, logra romper o silencio mediático para informar á cidadanía dos motivos da súa loita: xornadas laborais de 11 e 12 horas cobrando 4, tendo que moverse por toda a provincia na que traballan e tendo que asumir os custos dos desprazamentos e das comidas.

Pero a cousa non queda aí. Segundo afirman os afectados, as empresas trampean as nóminas, descontándolles diñeiro do soldo como anticipos que non cobran. Cando un mes non alcanzan a produción “mínima” (inflada, por suposto, para que deban traballar fóra do horario pagado), réstanlles do salario a cantidade correspondente nos meses seguintes. Todo isto ocorre nunha compañía / entidade que, segundo os traballadores e as traballadoras, tivo beneficios de 4.000 millóns de euros no ano pasado.

O caso de Telefónica é un exemplo entre tantos outros do modelo de saída da crise que o PP pretende vender como recuperación: traballo precario, con incumprimentos sistemáticos dos convenios e no que, se protestas, vas para a rúa. Para deter esta dinámica non abonda con que os que formamos parte de organizacións que se presentan ás eleccións incluamos no noso programa solucións alternativas. Para tombar este modelo precisamos tamén moita rede social e moita rúa, moito apoio e moita presenza nas mobilizacións aínda que non afecten ao sector en que traballamos.

Só así conseguiremos tecer unha rede solidaria que nos axude a profundizar na conciencia de que cada loita sectorial forma parte dunha única loita, a de toda a cidadanía por transformar o noso país nun país digno, nun país onde os dereitos dos traballadores sexan algo que se exerza todos os días, e non un unha mera introdución histórica na materia de Dereito Laboral.

OPINIÓN POR MIGUEL DIÉGUEZ