Tellado: “A humildade nas vitorias é o que nos diferencia dos que celebran as súas derrotas”

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que a humildade nas vitorias “é o que nos diferenza dos que celebran as súas derrotas”, insistindo en que os populares só coñecen unha receita para acadar o éxito: “Humildade, esforzo e defensa dos intereses da nosa Comunidade e dos nosos veciños e veciñas”.
Publicado por o día 09/06/2019 na sección de Partido Popular,Política

Tellado: “A humildade nas vitorias é o que nos diferencia dos que celebran as súas derrotas”

Así, contrapuxo a actitude do PSOE, que celebra un segundo posto, coa do PP, que nin celebrou o primeiro; ao tempo que lembrou que “a mesma soberbia de Gonzalo Caballero nestas semanas vímola en Xosé Ramón Gómez Besteiro en 2015. E o resultado lembrámolo todos”.

Durante unha comparecencia en rolda de prensa, o número dous do PPdeG fixo referencia ao Comité de Dirección da súa formación celebrado no día de onte, no que se analizaron os resultados das pasadas Eleccións Europeas e Municipais e onde quedou claro que “neste partido non cabe a autocompracencia”.

Tras poñer en valor que foron a forza máis votada de Galicia, cun 33% do voto; obtiveron 1.632 concelleiros, case 500 máis que a segunda formación con máis apoio; acadaron 131 maiorías absolutas e 48 maiorías relativas, sendo os máis votados en 179 dos 313 concellos galegos; e tiveron os mellores datos do PP en toda España, con 11 puntos de diferencial sobre a media nacional; afirmou que este resultado, “que firmaría calquera partido en Galicia”, considérano insuficiente e que toca reflexionar e traballar para mellorar de cara a vindeiras citas.

Como sinalou, o PPdeG é unha forza moi acostumada á autocrítica: “Nós non cremos que os votantes se equivoquen, como fan outros, senón que se non nos dan o resultado desexado temos que poñernos a traballar para conseguir a confianza dos nosos veciños. Só desde esa perspectiva se constrúe un partido gañador e con vontade de acadar maiorías de goberno”, dixo.

Por todo isto, Tellado avanzou que desde hoxe comezan unha rolda de Xuntas Directivas provinciais nas que participará o presidente Feijóo para analizar polo miúdo a situación en cada territorio, e que culminarán antes da constitución dos concellos o vindeiro día 15.

Segundo recoñeceu, “seremos goberno alí onde toque e seguiremos estendendo o modelo do rigor, o crecemento e a mellora dos servizos públicos que é o sinal de identidade do PP; e seremos oposición tamén onde nos colocaron os votantes como tal, ou onde o fagan os pactos entre partidos perdedores, esforzándonos por ser útiles para os veciños tamén desde esa posición”.

De igual xeito, salientou que seguirán vixiantes ante os agravios que o PSOE queira cometer con Galicia desde o Goberno central, e ante os erros que cometan os socialistas, nacionalistas e populistas nos gobernos locais e provincias. “Continuaremos traballando desde o Goberno autonómico e desde o PPdeG para defender os intereses de Galicia, escoitando aos galegos para volver a darlles un proxecto que sexa capaz de obter a súa confianza maioritaria”, engadiu.

RECUPERACIÓN DO PARTIDO EN VIGO

Miguel Tellado tamén aseverou que os populares non están perdendo nin un minuto en comezar a traballar pola cidade de Vigo e pola recuperación do partido nesta urbe.

Ao respecto, valorou o labor realizado por Elena Muñoz nestes anos, “nun contexto moi complicado”, da que destacou a súa seriedade, responsabilidade e rigorosidade. Ademais, agradeceu a disposición amosada por Corina Porro, “un referente deste partido a nivel autonómico e a nivel municipal” cun profundo coñecemento da administración, do PP e da cidade de Vigo, ademais de contar con experiencia, preparación e capacidade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.