Tellado contrapón a transparencia do Goberno de Feijóo coa dun Sánchez que só comparece por imperativo legal

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, destacou que “a Xunta liderada por Alberto Núñez Feijóo foi o Goberno autonómico máis transparente durante esta crise sanitaria”. Neste punto, puxo en valor as súas comparecencias ante os medios de comunicación e no Parlamento, a súa coordinación con diferentes administracións e a súa rendición de contas ante os grupos da oposición.
Publicado por o día 06/05/2020 na sección de Partido Popular,Política

Tellado contrapón a transparencia do Goberno de Feijóo coa dun Sánchez que só comparece por imperativo legal

Tal e como sinalou o número dous do PPdeG, coa de mañá, será a segunda comparecencia que Feijóo realizará desde que se decretou a emerxencia sanitaria na nosa Comunidade, cando a maior parte de líderes autonómicos levan unha soa e, incluso, algúns comparecerán esta semana por primeira vez. Así mesmo, fixo fincapé en que, aínda estando o Parlamento disolto e sen comisión activas, “Galicia sitúase por enriba da media de comparecencias dos Gobernos autonómicos e, tamén, de conselleiros -a metade do executivo xa compareceu”.

Tellado salientou o acordo acadado cos grupos da oposición para manter a labor de control ao Goberno galego, que, ademais, se está a realizar voluntariamente dada a excepcionalidade do momento. Unha actitude que contrasta coa do Goberno de Pedro Sánchez, “que só comparece por imperativo constitucional nas sesións de control ordinarias e nas solicitudes de prórroga do Estado de Alarma”.

A OPOSICIÓN  MÁIS INFORMADA DE TODAS AS AUTONOMÍAS

O número dous do PPdeG recalcou que a galega “é a oposición máis informada de todas as autonomías”. Así, lembrou as sete reunións formais que mantivo co resto de grupos, nas que se compartiu de xeito inmediato a información que trasladaba o Goberno central, así como as actuacións levadas a cabo. “Estamos convencidos de que a moitos representantes do Partido Popular na oposición, pero tamén dos partidos que forman a oposición en Galicia noutras autonomías, lles gustaría ter Gobernos que rendesen contas tanto como fai a Xunta”, salientou.

Igualmente, Tellado remarcou a cooperación e a lealdade do Goberno galego co resto de administracións, independentemente da súa cor política. E é que, segundo expuxo, Galicia convocou regularmente reunións do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), onde se atopan a Delegación do Goberno e a Federación Galega de Municipios e Provincias, ambas lideradas por socialistas; e, acudiu, tamén, a todas as reunións ás que se lle convocou por parte do Goberno Central, na que se trasladaron posicionamentos leais e construtivos.

Por outra banda, Tellado apuntou que, mentres o Goberno de Pedro Sánchez necesitou unha protesta formal dos xornalistas para cambiar o seu sistema de roldas de prensa, Feijóo compareceu en máis de 20 ocasións ante os medios de comunicación “para dar resposta ás necesidades de información da cidadanía de xeito puntual, sen límite de tempo e sen filtrado de preguntas”.

UNHA DECISIÓN ARBITRARIA QUE DISCRIMINA A GALICIA

Así mesmo, o secretario xeral do PPdeG referiuse á polémica das restricións horarias en Galicia e Asturias. Segundo Tellado, “non ten ningún sentido que a Delegación do Goberno en Asturias diga que as restricións se aplican por núcleos de poboación e, en Galicia, se diga que por poboación existente nos concellos”.

E engadiu que coa interpretación asturiana, Galicia pasaría dun 17% de poboación con liberdade horaria a algo máis do 47% -o que beneficiaría a 1.100.000 galegos-: “O Delegado do Goberno en Galicia non se distingue precisamente por defender os intereses dos galegos, pero agradeceriámoslle algo máis de concreción e menos discrecionalidade e menos arbitrariedade”.

“É normal que dubidemos da capacidade de Sánchez para coordinar 17 autonomías, cando non é capaz de coordinar a dous delegados de Goberno separados por 200 quilómetros de distancia”, sostivo, ao tempo que lamentou que Javier Losada discrimine a Galicia neste asunto que afecta ao 30% do total de galegos.

Para rematar, Tellado volveu agradecer o traballo dos sanitarios, dos traballadores que manteñen os servizos esenciais e a aqueles que van recuperando, pouco a pouco, a normalidade da súa actividade económica. E tivo palabras de ánimo para aquelas familias que perderon algún ser querido por culpa do COVID-19 e para aquelas persoas que están loitando para superar a enfermidade: “É unha honra traballar por eles e un orgullo dicir que Galicia non entregou ningunha vida sen pelexar por ela”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.