Tellado cre que a UE acreditou que o Goberno socialista mentiu sobre a chegada do AVE á Comunidade

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, cre que a Unión Europea acreditou que o Goberno socialista mentiu sobre a chegada do AVE a Galicia, xa que grazas a UE coñeceuse que hai tramos que non van estar operativos ata 2022 e “con sorte”. “Nin Pedro Sánchez, nin o ministro de Fomento, nin a presidenta de ADIF, nin o delegado do Goberno en Galicia foron quen de ter a valentía de dicirlle á cara aos galegos a verdade”, incidiu.
Publicado por o día 17/01/2020 na sección de Partido Popular,Política

Tellado cre que a UE acreditou que o Goberno socialista mentiu sobre a chegada do AVE á Comunidade

Segundo apuntou, o desprezo co que está tratando o Ministerio de Fomento a Galicia e ao seu tren pode resumirse en tres asuntos: o retraso e falta de transparencia con respecto á chegada do AVE, as constantes incidencias na liña Ourense-Lugo e a decisión de deixar sen servizo de venda de billetes presencial a oito estacións ferroviarias da nosa Comunidade.

No que respecta a incumprir o calendario prometido -o AVE tiña que estar funcionando en probas a finais de 2019-, Tellado resaltou que desde o Ministerio de Fomento nunca se quixo dar unha resposta clara e concreta sobre cal é a nova data de remate das obras e posta en funcionamento do servizo. Nese senso, manifestou que desde a Xunta e desde o PPdeG o único que reclamaron foi claridade á hora de saber se o AVE a Galicia ía estar funcionando no Xacobeo 2021: “Queríamos saber se Galicia podería ter en 2021 o mesmo que tivo Sevilla para a súa Expo ‘92.  29 anos antes”, engadiu.

“Nestes meses os socialistas insultáronnos e acusáronnos de deslealdade, dixeron que cumprirían cos prazos dados e acabaron ocultando a realidade. Unha vez máis, quedou claro que eles mentían e desde a Xunta e o Partido Popular dicíamos a verdade”, insistiu o número dous do PPdeG.

Por outra banda, sobre o tren Ourense-Lugo, explicou que o Goberno galego vén demandando á administración responsable do transporte ferroviario en Galicia que tome de xeito inmediato medidas que solucionen os actuais problemas detectados e permitan previr novos incidentes. “Entendemos que os cidadáns teñen dereito a ver garantidos uns servizos de transporte ferroviario de calidade e fiables, e por ese motivo resulta imprescindible tanto blindar o seu futuro como asegurar o seu correcto funcionamento no día a día”, dixo.

Así mesmo, recordou que a Xunta xa expresou que está a facer un seguimento dos incidentes -cada vez máis regulares- e que lle trasladou a Renfe a necesidade de que realice unha actuación decidida, que implique un impulso para a revisión do material rodante e a súa renovación progresiva.

Ademais, sobre a decisión de deixar sen servizo de venda de billetes presencial a oito estacións da Comunidade, amosou a total oposición do PPdeG ante a intención declarada do Executivo central para que, ao cabo do tempo, a única alternativa presencial sexa adquirir o billete a través de Correos, que lle aplica un suplemento do 5% ao prezo -un novo encarecemento xa que a principios de ano Renfe subiu os prezos nun mínimo dun 1%, en función do traxecto-.

Ante isto, Tellado subliñou que o PP presentará mocións en todos os concellos afectados para que o Goberno rectifique esta decisión. “Os galegos merecen uns servizos ferroviarios de calidade á altura do século XXI; un tren de alta velocidade, coma o que outros lugares de España levan décadas desfrutando; uns servizos de cercanías dignos e que non acumulen incidencias; e unha venda de billetes que non se encareza sobre a doutras zonas por decisións políticas”, indicou aclarando que o que non merecemos é un Executivo socialista “que trata as súas infraestruturas básicas con este desprezo”.

UN EVENTO CRUCIAL

Durante a súa comparecencia en rolda de prensa, o secretario xeral tamén avanzou que o PPdeG celebrará o vindeiro sábado 25 de xaneiro unha reunión da súa Interparlamentaria. Como sinalou, este será un evento que os populares consideran crucial de cara a “coordinar a acción política dos grupos nas catro cámaras e defender os intereses de Galicia ante un Goberno central que deixou moi claro que os ten nun plano máis que secundario”.

APOIO Á INDUSTRIA ELECTROINTENSIVA

Por último, Tellado anunciou que os populares galegos estarán presentes na manifestación da industria electrointensiva que terá lugar en Madrid o vindeiro mércores para apoiar as reivindicacións dos seus traballadores.

Neste sentido, afirmou que, xa pasada a época na que o Goberno central estaba en funcións e agora que xa conseguiron o único obxectivo polo que traballaban, que era facer a  Sánchez presidente; “xa non hai escusas” para non atender as demandas da industria electrointensiva galega, da que dependen moitos postos de traballo na nosa Comunidade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.