Tellado di que Pedro Sánchez ten medo a que os presidentes socialistas se poñan do lado de Feijóo

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, afirmou que, despois de meses sen que o Goberno do PSOE queira atopar unha solución aos impagos ás comunidades -700 millóns de débeda no caso de Galicia-, “Sánchez teme que incluso as comunidades socialistas se pronuncien aínda con máis claridade e de forma máis rotunda” a favor dos argumentos da Xunta e de Feijóo fronte aos do Executivo central.
Publicado por o día 07/09/2019 na sección de Partido Popular,Política

Tellado di que Pedro Sánchez ten medo a que os presidentes socialistas se poñan do lado de Feijóo

Segundo manifestou, o Goberno de Pedro Sánchez ten cada vez menos escusas porque, tal e como se comprometeu, a Xunta encargou á Asesoría Xeral un informe xurídico no que se confirma que un executivo en funcións si que pode realizar os pagos do sistema de financiamento autonómico. Igualmente, puxo en valor que Galicia foi a primeira en poñer o foco sobre esta cuestión, “e seguimos crendo que o Goberno debe explicar como vai solventar a débeda de 7.200 millóns que ten coas autonomías”. “O Goberno de Sánchez -engadiu- non é que estea en funcións, senón que non funciona”.

Así mesmo, lamentou que o Executivo central teña retidos uns cartos dos que xa dispón e que legalmente pode entregar e, pese a iso, fai caso omiso a un informe que abre portas, que é construtivo e que ofrece solucións a un problema que en ningún caso é causado polo Goberno autonómico.
Ademais, Tellado aseverou que se trata dun documento que foi remitido ao Parlamento, que foi estudado por outras autonomías e que mesmo foi empregado como argumento por formacións que nada teñen que ver co PP, mentres o do Ministerio de Facenda de Pedro Sánchez é un informe que pecha portas e que foi filtrado unicamente a un medio de comunicación. “Cremos que as comunidades deberiamos poder debater ambos documentos no foro axeitado, que é un Consello de Política Fiscal e Financeira”, salientou ao tempo que cuestionaba que o Goberno se negue a  convocar este órgano malia levar máis dun ano sen facelo e tras pedirllo varias autonomías por tratarse dunha situación urxente e sen precedentes.


De igual xeito, o número dous do PPdeG sinalou que, aínda que o PSOE ten que dar moitas explicacións sobre esta cuestión, os populares aínda continúan agardando a que os socialistas galegos expliquen por que foron o único grupo que non apoiou a demanda unánime do Parlamento reclamando os 700 millóns que corresponden a Galicia.

“O PSdeG está cada vez máis só nesta postura e segue chamando a atención que, nesta cuestión, estean a defender mellor os intereses de Galicia o presidente Page, a presidenta Armengol, a vicepresidenta Oltra ou mesmo Susana Díaz antes que os socialistas galegos”, subliñou.

EXEMPLO DE UNIDADE, APERTURA E TRABALLO

O secretario xeral tamén se referiu ao tradicional acto de inicio de curso político que o PPdeG celebrará mañá en Cerdedo-Cotobade, no que se espera congregar a un milleiro de afiliados e simpatizantes, aproveitando para agradecerlle ao presidente do partido, Pablo Casado, os seus esforzos para asistir a este día.

Como manifestou, a cita de Cerdedo-Cotobade é un símbolo e unha demostración da forza coa que este partido encara cada curso político. Ao respecto, engadiu que, “fronte aos partidos divididos, pechados en si mesmos e que só se centran en defender os seus intereses particulares, o acto de mañá será un exemplo de unidade, de apertura ao que convidamos a todos os simpatizantes que se queiran achegar e dun partido que traballou, traballa e traballará por defender os intereses de Galicia con toda a intensidade”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.