Tellado: “Que Galicia sexa o territorio onde máis baixa o paro referenda a política económica do PPdeG”

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, valorou os datos de desemprego do pasado mes de abril publicados esta mañá, destacando que Galicia é o territorio onde máis baixa o paro, feito que “referenda a política económica do PPdeG”.
Por o 06/05/2019 | Sección: Partido Popular,Política
Tellado: “Que Galicia sexa o territorio onde máis baixa o paro referenda a política económica do PPdeG”
Compartir en:

“A estabilidade que temos na nosa Comunidade volve facernos líderes da caída do paro en España”, expresaba ao tempo que poñía en valor que rexistremos  un descenso superior á media do Estado en 3,64 puntos. Así, a nosa Comunidade continúa reducindo o desemprego con 16.065 parados menos (8,81%) -son 44 desempregados menos ao día durante o último ano, o que nos sitúa en niveis de paro moi inferiores aos de hai dez anos-.

Igualmente, Galicia segue creando emprego con máis dun millón de afiliacións á Seguridade Social e a contratación continúa en aumento cun 2,59% máis de contratos, mentres que no Estado baixan. “A única Comunidade con maioría absoluta é tamén a que mellor comportamento ten no seu mercado de traballo. A estabilidade política xera estabilidade económica”, aseverou.

No tocante á evolución mensual, Tellado tamén salientou que as cifras rexistran  o segundo maior descenso desde 2007, caendo o paro nun 2,70% e subindo a contratación nun 11,16%, case oito puntos máis que en España.

DAR RESPOSTAS AO CIDADÁN

Así mesmo, o secretario xeral do PPdeG remarcou que o obxectivo prioritario dos populares, como veñen facendo dende a Xunta, é dar respostas ao cidadán co fin de que toda a sociedade galega poida incrementar o seu benestar e a súa calidade de vida.

Nese senso, lembrou que os últimos indicadores económicos confirman que a planificación levada a cabo polo Goberno galego está a dar resultados: “acabamos de rexistrar a mellor EPA dun inicio de ano da última década cunha taxa de paro mellor que a de España en 2,23 puntos e que reflicte que case tres de cada catro asalariados galegos son indefinidos (74,15%); levamos catro anos consecutivos medrando na contorna do 3%, crecendo o PIB por habitante a mellor ritmo en Galicia que en España; rexistramos récords sucesivos de exportacións; e temos o maior incremento da produción industrial da última década”.

“Este modelo de éxito consolidado durante anos na Xunta é o que queremos levar aos 313 concellos da nosa Comunidade”, admitiu o número dous dos populares galegos facendo referencia ás vindeiras Eleccións Municipais.

PLANIFICAR A CREACIÓN DE EMPREGO

Como precisou Tellado, a caída do paro confirma unha vez máis o crecemento sostible e progresivo que vive Galicia. “Temos unha folla de ruta para apoiar ás empresas na creación de emprego, mentres o Goberno socialista aposta por unha subida masiva de impostos que lastrará á nosa economía”, sinalou.

Segundo explicou, “somos unha comunidade na que se planifica a creación de emprego e na que se está apostando de xeito decidido pola formación de calidade adaptada á demanda do tecido produtivo para dar resposta aos novos retos da Industria 4.0”. Ademais, recordou que para crear traballo é preciso acompañar ao tecido empresarial, tal e como fai o Goberno galego, que incentiva a contratación nas empresas a través do Galicia Emprega; e impulsa a cualificación de máis de 26.000 desempregados e ocupados a través do Plan galego de formación.

“O impulso da innovación, a internacionalización e o emprendemento tamén son a nosa prioridade porque, xunto aos programas de emprego local, están consolidando a nosa economía e favorecendo que Galicia destaque pola súa capacidade para xerar estabilidade e confianza nos mercados”, subliñou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.