Tellado valora a sensibilidade de Feijóo cara a Galicia ferida pola pandemia

O secretario xeral do PPdeG destaca a humanidade do presidente no seu discurso de Fin de Ano “nunha época que é máis necesaria que nunca”

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, puxo en valor a sensibilidade de Alberto Núñez Feijóo cara a Galicia ferida pola pandemia no seu tradicional discurso de Fin de Ano, destacando o seu ton de humanidade “nunca época na que é máis necesario que nunca”.

“O presidente ratificou o seu compromiso cun pobo que aínda está sufrindo as consecuencias dunha crise sanitaria, social e económica sen precedentes, e non o fai só con palabras, senón con feitos”, aseverou mentres lembraba que os galegos levan máis dunha década contando cun Goberno responsable, rigoroso, serio e estable que tamén demostrou capacidade de xestión e de anticipación para afrontar unha situación que “ninguén podía imaxinar nin nos seus peores soños”.

Nese senso, Tellado recordou todo o traballo da Xunta nestes anos para apoiar aos máis vulnerables, un labor que se reforzou nos últimos meses para axudar ás familias e aos sectores máis afectados e que continuará o vindeiro ano. Mostra disto son os Orzamentos que o Executivo autonómico aprobou para 2021, “as contas máis sociais da historia”.

Así mesmo, salientou que Feijóo apele ao consenso e á unidade que si practica a sociedade galega pero non todos os seus representantes públicos. “É unha mágoa que, nin nun contexto tan excepcional e complicado como o que nos tocou vivir, os partidos da oposición sexan capaces de deixar de lado os seus intereses propios para defender os de todos os galegos”.

“O PPdeG mantén a man tendida para chegar a acordos que beneficien a toda a Comunidade pero, do outro lado, só atopamos a un BNG que continúa loitando coas súas propias contradicións e a un PSdeG cuxa única función é a de aplaudir cada unha das decisións de Pedro Sánchez que, lamentablemente, sempre son para castigar a Galicia”.

Sobre isto, o secretario xeral resaltou que, mentres os galegos comprobaron este ano como o seu Goberno autonómico estivo ao seu carón para protexelos nos momentos máis difíciles, o único que recibiron do Executivo central foron incumprimentos: “Sánchez incumpriu co financiamento, penalizándonos no reparto de Fondos Covid, cos Orzamentos e agora cos fondos europeos; coas infraestruturas, xa que semella que o AVE non estará listo para o ano 2021;  coa industria, pois seguimos sen garantías para as industrias electrointensivas, o naval nin a transición ecolóxica; co Xacobeo, negándonos o apoio orzamentario; e co noso sector do Mar, ao non ser quen de defender os seus intereses nas negociacións do Brexit e as cotas”.

Por último, Tellado remarcou a vontade expresada por Feijóo de loitar pola recuperación, consciente de que o obxectivo principal dun Goberno é coidar do benestar dos seus cidadáns e evitar que ninguén se quede á marxe dos avances.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM