Teresa Portela e Roi Rodríguez a un paso da clasificación olímpica

Publicado por o día 23/08/2019 na sección de Deportes,Piragüismo

Teresa Portela e Roi Rodríguez a un paso da clasificación olímpica

A padeeira Teresa Portela, aos seus 37 anos, conseguiu clasificarse para a final do K1 200. A galega chega á cita mundialista de Szeged (Hungría) nun gran momento de forma, foi primeira na súa semifinal e pasou directamente á final, o que a converte nunha clara aspirante a medalla. Marcou o terceiro mellor tempo de todas as clasificadas grazas a un rexistro de 39.23 segundos, tan só superáronlle a neozelandesa Lisa Carrington e a polaca Marta Walczykiewicz.
 
A padeeira de ou morrazo mostrouse desde o inicio de carreira en primeira posición, a medida que avanzaban os metros, a distancia sobre os seus rivais ía en aumento ata a liña de meta, por detrás dela entraban a ucraína Mariia Kichasova- Skoryk e Milica Starovic de Serbia.
 
Mañá ás 11:33 está prevista a final de medallas na que ademais se reparten os pasaportes olímpicos, obxectivo principal para Teresa Portela, que busca a participación nos seus sextos xogos olímpicos. As cinco primeiras faranse co billete para Tokio 2020.
 
O deportista do Kaiak Tudense Roi Rodríguez está na final de K-1 1.000 metros despois do seu esforzo e sufrir moito nas semifinais, na que foi terceiro. O tudense realizaba unha carreira moi táctica, realizando unha forte saída que o situou na cabeza para seguir cun ritmo medio alto que lle deixaría forzas para esprintar nos metros finais e así conseguir a clasificación.
 
A primeira posición leváballa o padeeiro de Bielorrusia Aleh Yurenia cun tempo de 3:26.50 segundos, mentres que a segunda praza sería para o arxentino Agustine Vernice que rexistrou 3:27.01 segundos, Rodríguez pararía o crono en 3:27.34 segundos, salvando o terceiro posto fronte ao belga Artuur Peters que entraba en meta con 3:27.47.
 
Ás 12:14 de mañá Roi loitará por estar entre as cinco mellores piraguas da final para así facerse coa clasificación olímpica
 
Doutra banda, a parella do Piragüismo Poio de Sergio Vallejo e Adrián Sieiro non puido acceder á final, despois de terminar en quinto lugar na semifinal máis rápida das tres que se disputaron. Os de Poio terán que loitar na final B de mañá. O próximo ano terán outra oportunidade de lograr clasificarse para os xogos no preolímpico de Duisburg, no que aínda quedan dúas prazas libres.
 
Ademais, esta tarde David Barreiro (Náutico Rodeira) clasificábase para a final de C1 500 metros, mañá ás 12:40 será a súa quenda. Pedro Vázquez (Kaiak Tudense) e Pelayo Roza impoñíase na semifinal de K2 500 metros, ás 12:48 de mañá loitarán polas medallas.