Teresa Portela pasa a semifinais do K1 200 metros

A padeeira de Cangas chegou segunda na súa serie cun tempo de 39.22 segundos.
Publicado por o día 21/08/2019 na sección de Deportes,Piragüismo

Teresa Portela pasa a semifinais do K1 200 metros

A galega Teresa Portela clasificouse hoxe ás semifinais da proba de piragüismo K1 200 metros do Campionato do Mundo Sprint que se está disputando na localidade húngara de Szeged.
 
A padeeira de Cangas, de 37 anos, marcou un tempo de 39.22 segundos, suficiente para finalizar a súa eliminatoria en segunda posición, por detrás da polaca Marta Walczykiewicz (39.20).
 
As semifinais disputaranse o venres a partir das 16:18 horas. Portela que competirá na primeira delas buscará clasificarse entre as tres primeiras, para así poder loitar polas medallas e a clasificación olímpica.
 
Nesta primeira xornada do campionato producíronse varias alegrías para os deportistas galegos. Pola mañá, Pablo Graña do Náutico Rodeira competía xunto ao madrileño Alberto Pedrero no C2 200 metros, a parella española realizaba unha potente saída para poñerse na cabeza de carreira ata o final da proba e facerse coa clasificación directa á final do próximo venres ás 15:10 horas.
 
Ademais o K4 formado por Iago Monteagudo (Naval de Pontevedra), Albert Martí, Pedro Vázquez (Kaiak Tudense) e Aitor Gorrotxategi ( Santiagotarrak) clasificáronse en terceiro lugar na súa eliminatoria, esta posición dálle dereito a disputar a final de 1000 metros prevista para o venres ás 16:03. Todas as finais poderanse seguir en directo na canle Teledeporte a partir das 15:00 horas.
Non correu a mesma sorte o padeeiro da modalidade de Paracanoe, pertencente ao Piragüismo Rías Baixas Adrián Mosquera, que tivo que conformarse coa clasificación para a final B, despois de ocupar o sexto lugar na semifinal do KL3 200 metros.
Mañá será a quenda para o resto da delegación galega, ás 9:00 comezarán Adrián Sieiro e Sergio Vallejo no C2 1000, Roi Rodríguez farao ás 10:10 en K1 1000 metros, David Barreiro ás 11:56 en C1 500 metros e Pedro Vázquez competirá en K2 500 xunto a Pelayo Roza ás 12:25. Pola tarde, competirán Antía Jácome en C2 500 metros formando embarcación con Patricia Coco e as dúas K4 masculino e feminino nos que compiten, Carlos Arévalo, Rodrigo Germade, Natalia García e Sara Ouzande, todos eles entrarán en competición a partir das 17:00.