A tese dunha Pneumóloga do chuvi avalía estratexias para mellorar o diagnóstico precoz da EPOC

É unha patoloxía cunha prevaleza do 10% da poboación con máis de 40 anos de idade, pero hai ao redor dun 70% de casos sen diagnosticar
Por o 21/01/2018 | Sección: Salud,Sanidad
A tese dunha Pneumóloga do chuvi avalía estratexias para mellorar o diagnóstico precoz da EPOC

A tese doutoral dunha pneumóloga do CHUVI, sobre o diagnóstico precoz da Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica (EPOC) acaba de obter a máxima cualificación académica, tras a súa lectura ante o tribunal na Facultade de Medicina de Santiago.

A súa autora, a doutora Cristina Represas, baixo a dirección dos doutores Alberto Fernández Villar e Alberto Ruano, analiza no seu traballo a validez de diferentes estratexias para a detección
temperá dunha enfermidade moi prevalente na poboación, o 10% dos maiores de 40 anos.

Esta tese segue ademais unha das liñas principais de investigación do Servizo de Pneumoloxía da EOXI de Vigo, que é validar estratexias de mellora para o axeitado manexo das enfermidades respiratorias.

O infradiagnóstico é moi elevado nesta enfermidade. Os datos que se recollen na tese indican que un 70% dos posibles casos atópanse nesta situación.

“Estamos ante unha enfermidade moi prevalente, cunha elevada morbilidade e mortalidade e que provoca un importante gasto sanitario. Estes efectos increméntanse se a detección se produce en estados avanzados da patoloxía”, explica a doutora Represas, que defende o diagnóstico precoz como un elemento fundamental para a súa abordaxe: “Obter unha diagnose temperá permite iniciar tratamentos capaces de aliviar os síntomas e mellorar a calidade de vida dos pacientes, reducindo a morbilidade e mellorando o prognóstico, polo que é preciso buscar de xeito activo a enfermidade nos grupos de poboación de risco e con algún síntoma respiratorio”.

Estratexias

Na tese avalíanse varias estratexias dirixidas a mellorar o diagnóstico precoz da EPOC: a efectividade, a curto e a longo prazo, dun programa formativo tutelado para a realización de espirometrías de calidade en Atención Primaria; a validez do microespirómetro COPD-6 para detectar patoloxías obstrutivas da vía aérea (como é a EPOC); e a fiabilidade deste dispositivo para utilizalo en ámbitos sanitarios non especializados para o cribado da enfermidade, tras unha breve formación dos profesionais que o van a empregar.

O cribado ou busca activa da EPOC pode realizarse en distintos escenarios asistenciais. De entre eles, a Atención Primaria é un lugar ideal para facelo, sendo preciso para elo que se realicen espirometrías de calidade nos centros de saúde. Dende a posta en marcha dos programas formativos no ano 2010 foi aumentando progresivamente o uso desta técnica na Atención Primaria de Vigo, e con estudios de boa calidade, aínda mellorable, pero superior a outras áreas sanitarias do noso país.

“Un diagnóstico correcto baséase en detectar unha obstrución do fluxo aéreo, mediante arealización ao paciente dunha espirometría con proba broncodilatadora”, afirma Cristina Represas. A pesar de que a espirometría é unha técnica sinxela require de unha adecuada formación dos profesionais que a realizan e a interpretan para que os estudos sexan válidos e se poidan tomar decisións clínicas en base a eles. E por iso é fundamental a posta en marcha de programas formativos validados e acreditados como os que se veñen levando a cabo na área de Vigo.

10.000 espirometrías

Na área sanitaria de Vigo realizáronse o ano pasado ao redor de 10.000 espirometrías en Atención primaria, número moi superior ás que se levan a cabo nas outras áreas sanitarias de Galicia. “Dispoñemos de profesionais de Atención primaria na área de Vigo, tanto facultativos como persoal de enfermería, moi implicados no proceso”, resalta Cristina Represas, que salienta tamén a necesidade da concienciación e coñecemento da poboación xeral sobre esta enfermidade para mellorar a taxa de diagnósticos.

Na análise que se realiza na tese sobre os distintos procedementos de detección precoz da EPOC tamén se avalía a utilidade de sistemas máis simplificados que a espirometría convencional que axuden a realizar o cribado de forma sinxela e fiable.

Nese sentido, o traballo fai referencia a un novo dispositivo portátil, o COPD-6, válido e fiable para o cribado da EPOC tamén en ámbitos non especializados, como nos centros de saúde, nos servizos de urxencias ou en farmacias. Precisamente outro dos aspectos que se consideran importantes na tese para reducir as elevadas taxas de infradiagnóstico, sería estender o cribado da EPOC a eses ámbitos sanitarios. Como refire a doutora Represas “Hai que ter en conta que moitos pacientes non consultan os seus síntomas co médico de Atención Primaria, pero sí acoden a unha farmacia para adquirir un xarabe para a tose ou ao servizo de Urxencias por unha infección respiratoria”.

A doutora Represas tamén resalta o agradecemento a todos os profesionais médicos, de enfermería e farmacéuticos que participaron e deron a seu apoio nos diferentes estudos, sen os cales este traballo non se houbera podido levar a cabo.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.