‘Tic Tac Toc’ e ‘A galiña azul’ fan parada en Boqueixón e en Baiona esta fin de semana no ‘FalaRedes’

Coma sempre no programa de promoción do uso do galego no lecer da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a entrada ás actividades é libre e de balde ata completar a capacidade das salas
Publicado por o día 07/04/2017 na sección de Baiona,Cultura,Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

‘Tic Tac Toc’ e ‘A galiña azul’ fan parada en Boqueixón e en Baiona esta fin de semana no ‘FalaRedes’

O FalaRedes, programa que impulsa a Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, nos concellos que forman parte da súa Rede de Dinamización Lingüística (RDL), fará parada esta fin de semana nos concellos de Baiona e Boqueixón. As dúas localidades acollerán, respectivamente, as actividades ‘A galiña azul’, de Ubú Teatro, e ‘Tic, Tac, Toc’, de Pablo Díaz.

A primeira cita será o sábado, ás 18:00 horas, no Auditorio V Centenario. As familias do municipio de Baiona están convocadas á actividade ‘A galiña azul’, unha adaptación que Ubú Teatro fixo para nenos e nenas de seis a dez anos. Será un boa oportunidade de achegarse a unha obra emblemática de Carlos Casares, autor ao que este ano a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras. Nesta actividade do FalaRedes, producida pola editorial Galaxia, están presentes valores tan importantes como a diversidade lingüística, a importancia das diferenzas ou a liberdade de expresión. A compañía responsable da adaptación, inegrada polos actores Ana Carreira e Manu Polo, emprega diferentes técnicas, como a narración oral, o uso de monicreques ou o clown.

Ao día seguinte, domingo, tamén ás 18:00 horas, o programa FalaRedes achegará a Boqueixón o espectáculo musical ‘Tic, Tac, Toc’, de Pablo Díaz, que se poderá gozar na Casa da Cultura de Camporrapado. Trátase dunha proposta musical pensada para familias con cativada de ata sete anos. Díaz é unha das figuras máis recoñecidas da música infantil en Galicia a quen acompañan, á guitarra, Diego Barral e, ao acordeón, Álex Fente, na súa xira polo FalaRedes 2017. Tic Tac Toc busca a transmisión afectiva da lingua a través da música, un labor no que o coruñés ten experiencia contrastada e cancións reconvertidas en himnos dunha rapazada que descobre un mundo no que a música tamén é un camiño cara á felicidade.

FalaRedes 2017’

A sexta edición do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ mantén os obxectivos das anteriores convocatorias de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do ‘FalaRedes’ percorrerán os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas. Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades.

Coma sempre neste programa, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas. Toda a información sobre a nova edición xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.