#TimoRebajas O 86% dos consumidores detectou descontos falsos nas últimas rebaixas

FACUA contabiliza ata 15 tipos de trampas ás que recorren moitos comercios para tomar o pelo aos usuarios.
Publicado por o día 08/01/2019 na sección de FACUA,Social

#TimoRebajas O 86% dos consumidores detectou descontos falsos nas últimas rebaixas

O 86% dos consumidores que participaron nunha enquisa de FACUA-Consumidores en Acción asegura que detectou descontos falsos na última tempada de rebaixas. A asociación convida a utilizar a etiqueta #TimoRebajas para denunciar estas fraudes nas redes sociais.
 
Unha inmensa maioría dos 2.387 consumidores que contestaron á enquisa asegura observar descontos que non eran reais nas súas visitas a comercios durante a anterior tempada de rebaixas. Case a cuarta parte (o 24%) indica que detectou estas irregularidades en case todos os establecementos que visitou, mentres que o 26% sinala que apreciou esta fraude na maioría das tendas e o 36% que o viu nalgúns comercios. Tan só o 14% indica que non percibiu que houbese produtos con descontos falsos en ningunha das tendas ás que acudiu.
 
A enquisa foi realizada pola asociación os días 3 e 4 de xaneiro a través da súa conta de Twitter. FACUA é a segunda organización de consumidores con máis seguidores nesta rede social a nivel mundial: con 212.000 followers, @facua só ten por diante á conta da organización estadounidense Consumer Report, @consumerreports, con 253.000.
 
Nos comercios que visitaches durante as últimas #rebaixas, detectaches descontos falsos?
Coa súa campaña #TimoRebajas, FACUA pretende que os consumidores se convertan en cazadores de fraudes para destapar as irregularidades que cometen certos establecementos. Para detectar os timos, pode recorrerse a anuncios e catálogos publicitarios ou recibos de compras recentes e comparar os prezos cos que mostren os produtos durante estas rebaixas.
 
No caso de que a tenda asegure que un produto ten un desconto e este en realidade non exista ou a súa porcentaxe de baixada non se axuste á realidade, os consumidores poden realizar fotografías e difundilas a través das redes, ademais de presentar denuncias ante as autoridades autonómicas de protección ao consumidor para que apliquen sancións.
 

15 formas de tomarnos o pelo nas rebaixas

 
FACUA enumera ata 15 tipos de trampas ás que recorren moitos comercios para tomar o pelo aos consumidores nas rebaixas. Recólleas o portavoz de FACUA, Rubén Sánchez, nun dos capítulos do seu libro Timocracia.
 
Trátase de irregularidades supoñen unha fraude aos consumidores e unha práctica de competencia desleal cos establecementos que aplican en todos os casos rebaixas reais, sinala FACUA. A asociación lamenta que as autoridades autonómicas de consumo non desenvolvan actuacións de inspección antes e durante o transcurso das rebaixas para impoñer sancións económicas e facer públicos os nomes dos comercios que cometen estas irregularidades. A falta de controis, critica, é froito do crecente abandono das políticas de protección ao consumidor por parte das comunidades autónomas.
 
FACUA recomenda aos consumidores que non se deixen cegar polos enormes descontos que supostamente se aplican en moitos produtos e valoren tres elementos esenciais antes de realizar compras: se o prezo final é realmente razoable, se o produto resulta necesario ou se representa un capricho asumible que non provocará un arriscado aumento dos seus niveis de endebedamento.
 
Doutra banda, a asociación lembra que se os produtos adquiridos durante as rebaixas teñen algún defecto de fabricación, sexa cal for a súa porcentaxe de desconto, non deixan de ter dous anos de garantía, que ten que asumir o establecemento. Así mesmo, se se adquiren a través de internet, os consumidores teñen catorce días para devolvelos no caso de que se arrepintan.