Tino Fernández anuncia o acordo con Fenosa para trasladar o transformador do colexio de Barcelos

O concelleiro de Educación explica que os servizos técnicos están a elaborar os pregos de condicións para o deseño do proxecto e a execución da obra “conforme ás indicacións da eléctrica”
Publicado por o día 24/09/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

Tino Fernández anuncia o acordo con Fenosa para trasladar o transformador do colexio de Barcelos

O Concello de Pontevedra e Unión Fenosa veñen de acadar un acordo para o traslado do transformador do colexio de Barcelos. Así o constata o concelleiro de Educación, Tino Fernández, quen asegura que “deste xeito, o terreo queda despexado para que os servizos técnicos municipais poidan tramitar a contratación dos traballos”.

Segundo explica o edil socialista, tras recibir a proposta orzamentaria por parte de Fenosa (a obra que corresponde á eléctrica superaría os 20.000 euros, mentres que a do Concello ronda os 130.000), o enxeñeiro xefe da Oficina Técnica de Medio Ambiente, Infraestruturas e Enxeñería (OTMAIES) do Concello, Jesús Gómez Viñas, mantivo coa empresa reunións de carácter técnico e tamén sobre o terreo para pechar os detalles da actuación.

“Desbloqueada a situación, os servizos técnicos xa están a preparar os pregos de condicións para o deseño do proxecto e a execución da obra conforme ás indicacións de Fenosa. Quedan por diante os preceptivo trámites burocráticos, que tentaremos axilizar ao máximo, pero nuns meses poderemos iniciar xa os traballos”, sinala Fernández.

Tal e como precisa o concelleiro de Educación, con esta intervención, “o transformador eléctrico quedará soterrado fóra da área das obras que se están a executar na rúa do Rouco, en fronte do colexio, polo que deixará de supoñer un perigo para a comunidade educativa definitivamente”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.