Todas as persoas sen teito desta cidade teñen a súa disposición unha habitación nun hostal ou nun hotel, a todas elas se lles ofrece esta prestación e nestes momentos hai aloxadas 50 persoas, ás que se suman as 38 do albergue municipal de Marqués de Valterra. Un número de persoas sen teito rexeita este servizo de pernocta e son atendidas pola Unidade de rúa, que lles entrega comida, bebida quente e roupa de abrigo. En consecuencia, o chamado dispositivo de frío funciona independentemente das condicións climatolóxicas porque mentres haxa pandemia todas as persoas sen teito teñen á súa disposición unha habitación nun hotel ou nun hostal da cidade.
O Concello intensificou este servizo da Unidade de Rúa ampliando o seu horario diario e facéndoo extensivo ás fines de semana (desde as 11,00 ás 13,30 h e das 18,00 ás 20,00 h.). Esta unidade busca proactivamente a persoas sen teito ás que se lles ofrecen todos os servizos dispoñibles: hixiene, comedor e pernocta.
Na semana do 4 ao 8 de xaneiro, fixéronse 25 actuacións na rúa con 25 persoas das que 11 aceptaron ser trasladadas a hostais ou hoteis. O resto, 14 persoas, rexeitan sistematicamente esta prestación aínda que aceptan o servizo de comedor externo. A 5 destas persoas dáselles cita no servizo de hixiene aínda que finalmente só acoden 3 delas. Nos casos de rexeitamento da prestación, ofréceselles servizo de comida, bebida quente e roupa de abrigo.
Na xornada de onte sábado, a Unidade de Rúa percorreu en horario de mañá a zona de Praza da América, rúa Coruña, entorno dos xulgados, avenida Castelao e Bouzas. Pola tarde, achegáronse a García Barbón, Isaac Peral, contorno da Estación, Rosalía de Castro, Areal e Montero Ríos. Foron localizadas 3 persoas sen teito, das que dúas foron derivadas a hostais, mentres que outra non aceptou ser trasladado a unha habitación. Vigo é, polo tanto, un referente en España na atención covid ás persoas sen fogar.
Control policial
A pasada noite, a Policía Local tramitou 64 propostas de sanción, das que a meirande parte foron por saltarse o peche perimetral, xuntanzas entre non conviventes e por incumprir horarios. Foron identificadas 1.163 persoas e controláronse 308 vehículos. A Policía Local tamén detectou cinco festas ilegais en domicilios particulares.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.