Tomiño agradece a labor da Agrupación Musical de Goián, gañadora de dous premios no último Certame de Bandas Populares

A alcaldesa salientou o traballo das distintas directivas que axudaron a consolidar o “un proxecto pedagóxico único”, e a figura de Andrés Álvarez, músico saído da agrupación e recoñecido compositor na actualidade
Publicado por o día 18/11/2019 na sección de Galicia,Tomiño

Tomiño agradece a labor da Agrupación Musical de Goián, gañadora de dous premios no último Certame de Bandas Populares

O pasado sábado, o Concello ofreceu no Salón de Plenos, unha recepción á Agrupación Musical de Goián, pola súa labor e os seus recentes galardóns no XIII Certame Galego de Bandas de Música Populares, á cal a banda acudiu coa obra «Lobo de Río», do compositor goianés Andrés Álvarez, grazas a cal acadou o “Primeiro premio” con 481 puntos na sección terceira, e o premio á «Mellor interpretación dunha obra de temática galega».

A Agrupación, tras interpretar un pasarrúas pola Praza do Seixo, chegou ao Concello, onde a agardaban membros da corporación municipal para darlle os parabéns. De alí, trasladáronse ao Salón de Plenos, onde tivo lugar a homenaxe institucional.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, tomou a palabra para agradecer ao colectivo en nome de todo o Concello, a súa entrega e bo facer, lembrando o nacemento da agrupación hai máis de 2 décadas e da escola de música, á que asisten máis de 130 persoas de todas as idades, especialmente nenos e nenas. A rexedora salientou o traballo das distintas directivas que axudaron a consolidar o “un proxecto pedagóxico único”, e a figura de Andrés Álvarez, músico saído da agrupación e recoñecido compositor de música de banda na actualidade. Tamén tivo palabras de agradecemento para Pedro Villarroel, actual director, “cuxo esforzo, disciplina, ánimo, entusiasmo e tenacidade” fan da banda unha familia que se enfronta a constantes desafíos, sempre cun sorriso”.

Pilar Ramos, presidente da agrupación musical goianesa, agradeceu as palabras da alcaldesa, e o apoio incondicional do Concello, sen o cal o proxecto non sería posible. Salientou asemade o papel do director, que fai posible coa súa perseveranza a consecución de cada obxectivo, coma os premios obtidos nos certames, sacando de cada alumno ou alumna o mellor de cada un.

Pechou a quenda de discursos, o propio director, Pedro Villarroel, quen asegurou que “así coma Tomiño atópase orgulloso da súa banda, a banda séntese orgullosa do pobo que ten. Quero por en valor o traballo que fan os integrantes da agrupación e o talento que sen dúbida teñen. Conseguimos o éxito pero so polo traballo que facemos todos os días, lembrou, antes de pechar o acto coa interpretación do himno galego. Finalmente, a directora da agrupación e o director foron convidados a asinar no Libro de Honra do Concello.

Comentar noticia

Your email address will not be published.