Tomiño aproba en pleno un regulamento de emerxencia social para familias vulnerables e unha nova ordenanza da xestión da biomasa

Durante a sesión, apróbase tamén unha modificación da ordenanza da xestión da biomasa e as Contas 2017 de forma definitiva
Por o 21/09/2018 | Sección: Galicia,Tomiño
Tomiño aproba en pleno un regulamento de emerxencia social para familias vulnerables e unha nova ordenanza da xestión da biomasa
Compartir en:

O Concello de Tomiño aprobou de forma inicial, onte en pleno, un Regulamento de Emerxencia Social, co propósito de establecer dentro do seu Programa de Inclusión Social, un conxunto de dereitos e recursos de carácter municipal, para a cidadanía en risco de exclusión.

O texto normativo regula as condicións de acceso ás prestacións municipais contempladas na ordenanza. “As prestacións recollidas nesta ordenanza son prestacións económicas de pago único que teñen por obxecto, atender situacións de carácter urxente, transitorio, puntual e previsiblemente non repetible. Estas situacións deberán estar incardinadas nun proceso de intervención social que inclúa unha análise da situación individual e familiar, por parte da traballadora social de referencia”, explica o artigo 4.

A concelleira de Benestar Social, Cristina Martínez, explicou que poderán ser beneficiarias destas axudas, as persoas individuais ou unidades familiares empadroadas e residentes no concello, que carezan de medios económicos, e nas que concorran factores de risco ou emerxencia social e precisen dunha axuda para satisfacer as súas necesidades básicas, sempre como un apoio á intervención social”.

O regulamento aprobado onte en pleno establece os requisitos e condicións que deberán reunir as persoas beneficiarias para poder acceder ás devanditas axudas.

Na sesión, de carácter ordinario, aprobouse tamén unha modificación da Ordenanza municipal de xestión de biomasa, co fin de establecer as condicións para a xestión da biomasa e a fixación de distancias para plantacións, nos terreos urbanos, de núcleo rural ou urbanizables de Tomiño.

Por último, aprobáronse definitivamente as Contas 2017, nos termos que esixe a lei, e unha adenda na Carta Amizade Cerveira-Tomiño, para que o irmanamento existente entre ambas as vilas, pase a denominarse a partir de agora “Eurocidade Cerveira-Tomiño”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.