Tomiño celebra cunha solta de globos o Día mundial de toma de conciencia do abuso e maltrato á vellez

A psicóloga do Centro de Día da localidade reivindicou o dereito das persoas maiores a ter unha vida digna
Publicado por o día 12/06/2019 na sección de Galicia,Tomiño

Tomiño celebra cunha solta de globos o Día mundial de toma de conciencia do abuso e maltrato á vellez

Cun acto sinxelo pero simbólico diante do Concello, Tomiño conmemorou este mediodía o Día mundial de toma de conciencia do abuso e maltrato á vellez.

Organizado polo Centro de Día da localidade, coa colaboración do consistorio, o acto consistiu nunha solta de globos na que participaron usuarios, usuarias e persoal do Centro de Día, a alcaldesa de Tomiño en funcións, Sandra González, acompañada doutros membros do seu equipo, e público en xeral.

Paula Puga, psicóloga do Centro de Día (cuns 40 usuarios/as de toda a comarca) tomou a palabra para significarse contra a situación de maltrato e abuso de persoas maiores que está a producirse en centros e residencias do país. “Queremos que se tome conciencia das situacións de maltrato que están sufrindo moitas persoas maiores e as súas familias”, explicou e animou a denunciar calquera tipo de abuso neste sentido.

Asemade, defendeu o dereito dos maiores a opinar, a aprender, a amar, a expresar as súas emocións, a ter unha vida digna; a ter control das súas pertenzas e, sobre todo, a non ser xulgadas polas súas decisións.