Tomiño convértese nun referente da mobilidade peonil con obras transformadoras nas que a Deputación investiu 3 millóns de €

Carmela Silva: “Sentímonos felices e emocionadas e emocionados por formar parte desta grande transformación, deseñada, ideada e pensada polo goberno de Tomiño, que converteu espazos antes cheos de vehículos en lugares para as persoas”
Publicado por o día 28/01/2021 na sección de Galicia,Deputación de Pontevedra,Tomiño

“Sentímonos felices e emocionadas e emocionadas por formar parte desta grande transformación” asegurou Carmela Silva ao observar, camiñando por Tomiño, que o núcleo urbano da vila tense convertido nun dos grandes referentes da mobilidade peonil e seguranza viaria da provincia coas achegas de tres millóns de € da Deputación de Pontevedra. A través destes recursos o goberno de Tomiño actuou na praza do Seixo, a rúa A Guarda e as avenidas República Arxentina e de Galicia, convertendo “espazos antes cheos de vehículos en lugares para as persoas” destacou a presidenta na visita á vila, na que participaron o vicepresidente César Mosquera, a alcaldesa Sandra González e o deputado provincial tenente de alcaldía Uxío Benítez.

“A primeira vez que visitei Tomiño a alcaldesa presentoume un proxecto transformador e unha gran variante, que ía permitir que o concello puidera seguir tomando decisións relacionadas coa recuperación do espazo público para crear un pobo amable, para o desfrute da xente, que hoxe é unha realidade”, asegurou Silva.  Nesta mesma liña afondou o vicepresidente da Deputación César Mosquera quen situou a Tomiño como “exemplo” ao impulsar “solucións cariñosas, estudadas, con detalle e sen facer dano ao territorio” que son “o futuro” e “melloran a calidade de vida da veciñanza”.

Para a alcaldesa Sandra González a transformación efectuada na vila “naceu do soño de converter a Tomiño nun lugar de encontro, onde a xente das parroquias viñera tomar un café, mercar ou pasear”. González, que informou que o primeiro paso se iniciou na praza do Seixo, destacou a utilidade dos recursos públicos cos que “conseguimos crear un modelo de vila amable, quitamos os coches e transformamos as rúas nun espazo público de lecer e de encontro”.

O núcleo urbano de Tomiño experimentou un antes e un despois a raíz dos recursos achegados pola Deputación de Pontevedra, como se puido ver no vídeo proxectado no salón de plenos do concello previamente ao percorrido pola vila.  En concreto, a institución provincial achegou 525.000 € a través do Plan DepoRemse para transformar a contorna da praza do Seixo, hoxe totalmente peonil, e humanizar as rúas A Guarda e República Arxentina. Estas rúas conflúen coa Avenida do Baixo Miño, que supón a conexión entre a EP-3102 Tomiño-Sabarís e a PO-344 ao seu paso polo núcleo urbano de Seixo, onde a Deputación investiu máis de dos millóns de euros nun dos “proxectos máis importantes da provincia”, que afastou aos vehículos do núcleo urbano da vila para recuperar o espazo público, mellorando a calidade urbana e a seguridade viaria.

Estas non son as únicas grandes actuacións que se teñen levado a cabo en Tomiño grazas a achegas da Deputación de Pontevedra. Dende o ano 2015 o ente provincial leva investidos máis de 12 millóns de euros na vila. Ademais, ao abeiro do Plan Concellos financiáronse máis de 30 obras e fíxose posible a contratáronse 123 persoas desempregadas para prestar servizos de competencia municipal. Neste 2021 Tomiño contará con máis de 1,2 millóns de euros procedentes do Plan Concellos.