Tomiño no Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, que se celebra en Santiago

Asisten as concelleiras de Medio Ambiente e Benestar Social, Educación e Igualdade, Ana Belén Casaleiro e Cristina Martínez, respectivamente
Publicado por o día 12/11/2019 na sección de Galicia,Tomiño

Tomiño no Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, que se celebra en Santiago

O Concello de Tomiño asiste ao Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade hoxe e mañá na EGAP (Escola Galega de Administración Pública) de Santiago de Compostela.

As concelleiras de Medio Ambiente e Benestar Social, Educación e Igualdade, Ana Belén Casaleiro e Cristina Martínez, respectivamente, representan ao Concello neste foro, que tratará de sentar as bases entre o municipalismo dos países lusófonos, para unha futura cooperación máis frutífera, basada nos ODS (Obxectivos do Desenvolvemento Sostible).

As concelleiras comparten coñecementos con delegacións de Angola, Guinea Bissau, Cabo Verde, Mozambique, Santo Tomé e Príncipe, Brasil e Portugal, así coma con representantes da Unión de Cidades Capitais de Lingua Portuguesa. Un evento de gran envergadura e de suma importancia para o municipalismo galego, que pretende situar a Galicia no centro das relacións da cooperación entre as entidades locais dos países de lingua oficial portuguesa, a través do lanzamento da Rede de autoridades locais da lusofonía polos ODS.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha asociación sen ánimo de lucro composta actualmente por 97 concellos (entre eles, o de Tomiño) e 3 deputacións de Galicia, que ten por obxectivo establecer lazos de cooperación e solidariedade cos pobos do Sur a través de actividades de sensibilización e proxectos de cooperación ao desenvolvemento.

Comentar noticia

Your email address will not be published.