Tomiño realizará obras de mellora no campo de fútbol de Goián

ESTÁ PREVISTA A SUBSTITUCIÓN DO CÉSPEDE, QUE CONTABA XA CON 15 ANOS DE ANTIGÜIDADE, E A REPOSICIÓN DE VARIOS DOS ASENTOS DAS GRADAS
Publicado por o día 22/01/2021 na sección de Galicia,Tomiño

Tomiño realizará obras de mellora no campo de fútbol de Goián

O Concello de Tomiño prepara xa as obras de mellora do campo de fútbol do Regatiño, situado en Goián, que consistirán principalmente na substitución do céspede artificial, que contaba xa con 15 anos de antigüidade para instalar un novo, ademais de repoñer varios dos asentos das gradas que se atopaban deteriorados.

Ademais da instalación do novo céspede, que ofrecerá unha maior resistencia ao desgaste, colocarase por debaixo unha sub-base amortecedora que mellorará o acolchado que prolongará a duración e a capacidade de uso do céspede, e servirá tamén para reducir os custes de mantemento, unha cuestión importante tendo en conta o intensivo uso que soporta o campo, empregado por máis dun cento de deportistas de todas as categorías do Goián F.C.

As obras mellorarán o equipamento deportivo municipal e dotarán á poboación dun espazo de xogo con condicións idóneas para o seu uso, xa que o céspede se atopaba un elevado deterioro logo de tantos anos de uso, o que repercutía negativamente tanto na calidade da práctica deportiva como na propia evolución e saúde dos xogadores, aumentando a probabilidade de lesións. Por outra banda, a restitución dos bancos deteriorados repercutirá tamén no acomodo dos afeccionados.

O custe total da intervención será de 202.369,09 euros, que irán a cargo de fondos propios do Concello. O proxecto atópase en proceso de contratación e será previsiblemente executado nos vindeiros meses.

Ao igual que no campo de fútbol do Regatiño, a administración municipal quixo aproveitar que as instalacións deportivas se atopan pechadas e sen actividade para facer unha posta a punto de determinadas instalacións nas que o seu acondicionamento é máis complexo, tal e como se está facendo na actualidade tamén no campo de fútbol do Alivio e nas pistas de tenis e de pádel do complexo deportivo do Mosteiro.