Tomiño terá fibra óptica practicamente en todo o municipio

O concelleiro de Obras e Acción Rural, Alexandre Pérez, manifesta a súa satisfacción polas novas obras, xa que estas darán opción a navegar con máis velocidade tamén á veciñanza do rural

O Concello de Tomiño vén de recibir constancia de que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), da Xunta de Galicia, e a Administración Xeral do Estado, dentro do Plan de Banda Larga 2020 e o Programa de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración, que impulsan, respectivamente, van promover de xeito complementario co Concello de Tomiño, unha serie de despregamentos de redes ultrarrápidas de acceso a Internet, para tentar chegar a practicamente a totalidade dos barrios e parroquias do municipio.

A compañía R Galicia levou a cabo o pasado ano traballos de obra civil para a rede de distribución de fibra no núcleo urbano do Seixo e Goián, únicos lugares que dispoñen do servizo na actualidade. Agora será o operador Telefónica o que, a través dunha subvención da convocatoria 2019 do programa estatal (para despregar fibra óptica antes do remate de 2021), leve a cabo as obras de despregamento necesarias para estender o servizo a case todos os núcleos de poboación (pódese consultar o detalle deste núcleos no ficheiro adxunto, ao final desta información.

Así mesmo, prevese que o Estado publique novas convocatorias de subvencións coas que os operadores poderán continuar co despregamento destas redes a aqueles sitios que queden sen cubrir.

Por outra banda, a Xunta vén de comunicar a posta en marcha dun novo proxecto de mellora das comunicacións móbiles no rural, cun investimento público de ata 5 millóns de euros. Esta iniciativa desenvolverase en colaboración coa Federación Galega de Municipios (FEGAMP), que levará a cabo a divulgación entre os concellos para a súa colaboración na identificación de zonas con deficiencias e parcelas para a instalación da infraestrutura.

O concelleiro de Obras e Acción Rural, Alexandre Pérez Souto, manifesta a súa satisfacción polas novas obras de despregamento de fibra óptica, xa que estas darán a opción de navegar con máis velocidade tamén á veciñanza do rural, especialmente en zonas de difícil cobertura. Por outra banda, o edil informou que o edificio do Concello dispón xa deste servizo, co cal mellorou moito a calidade da navegación por internet e a realización de trámites a través da administración electrónica, pasando dos 30 MB de antes aos 350 de agora.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM