Tonucci: “todas as cidades poden aplicar filosofía de goberno que inclúa as persoas. Pontevedra é un modelo, pero haina que traducir a cada realidade”

A presidenta Carmela Silva instou á veciñanza da provincia a exercer presión social para “pasar de cidades dos coches a cidades das persoas”.
Publicado por o día 24/04/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Vigo

Tonucci: “todas as cidades poden aplicar filosofía de goberno que inclúa as persoas. Pontevedra é un modelo, pero haina que traducir a cada realidade”

O pedagogo italiano Francesco Tonucci foi recibido hoxe por parte do Goberno provincial como inicio dunha intensa semana de actividades en diferentes concellos da provincia que culminará este venres coa inauguración da exposición ‘Imaxinar a educación. 50 anos con Frato’. O investigador louvou o traballo realizado dende a Deputación para tratar de estender o ‘modelo Pontevedra’ ao resto dos municipios da provincia e así deseñar cidades e vilas adaptadas aos nenos e nenas, ás persoas en xeral, en lugar de aos coches.

Tonucci indicou que Pontevedra é un modelo que demostra que o que parece unha utopía pode concretarse: “é a cidade, a nivel internacional, que máis en concreto aplicou a idea e que a levou a unha proposta coherente de cambio do deseño das rúas para que favorezan á xente en lugar de aos coches”, asegurou. Neste sentido, subliñou que para poder estender o modelo ao resto das vilas da provincia, ou de calquera outro lugar, cada municipio e goberno debe tomar Pontevedra como un punto de estudio, pero non copiar nada, senón traducir as solucións aplicadas á realidade particular. “Se Roma quere aproveitarse de Pontevedra, é correcto, mais non poden aplicar directamente as decisións porque as dimensións son distintas. Copiar é banal, pero inspirarse é moi importante”, subliñou.

O pedagogo indicou que a proposta para os políticos de deseñar as vilas á medida das persoas e non dos coches é “unha necesidade de todos” e non só das crianzas. “Todos vivimos mal nestas cidades. Nós falamos dos nenos e nenas para que a xente entenda o que é preciso para todos. Os nenos necesitan a seus pais, avós, cans, plantas…

Unha cidade dos nenos e nenas é unha cidade completa. Só nós os adultos pensamos nunha cidade só para nós. A proposta é para os políticos, para que entendan que a súa misión é a felicidade de toda a xente”, subliñou.

Pola súa parte, a presidenta Carmela Silva subliñou a súa admiración persoal por Francesco Tonucci e destacou que “estamos encantados” de que esta semana o pedagogo permita que moitos veciños e veciñas da provincia escoiten novas ideas e que así “reclamen este modelo seu e haxa presión social para pasar das cidades dos coches ás cidades das persoas”.

Silva cualificou o proxecto do pedagogo como “claro, pensado para que as rapazas e rapaces vivan en espazos públicos que lles permitan ter autonomía, independencia, vivir experiencias social e crear sociedades de persoas que desenvolven os seus coñecementos e posición no mundo a partires da aprendizaxe e da súa propia relación, xogando… e non co sobreproteccionismo ao que cada día máis sometemos ás nenas e aos nenos”.

Así mesmo, a presidenta da Deputación recoñeceu que a cidade de Pontevedra é unha das cidades do mundo onde o proxecto educativo de Tonucci para as nenas e nenos se ten convertido nunha realidade. “Pontevedra é un dos modelos do proxecto Tonucci e o vicepresidente está a traballar noutros concellos da provincia para que se tome como exemplo… e que o espazo público volva a ser o espazo das persoas e non o espazo das máquinas e dos coches, coa calidade de vida que iso supón: un espazo pensado para as nenas e os nenos pero do que toda a sociedade ten grandes beneficios”, finalizou.

Pola súa banda, o vicepresidente Mosquera, clasificou o pensamento de Tonucci como “a última utopía paidocéntrica”: intentar construír unha escola e unha sociedade a partir dos intereses dos nenos e as nenas. O vicepresidente subliñou que, aínda que parece unha idea moi sinxela, xa traballada por moitos autores, o plantexamento de Tonucci ten a característica de que é “actual e ataca a realidade da sociedade que temos hoxe, totalmente mecanizada, que busca unha comodidade enfermiza e pretende unha vida sumamente artificial para os nenos. Utilízase a desculpa da protección pero é un despotismo ilustrado moi forte, porque é todo para os nenos pero sen os nenos. De democrático non ten nada”, asegurou.

Pontevedra, un lugar central

O vicepresidente, impulsor de todas as actividades que desenvolverá Tonucci estes días ao abeiro da Deputación, explicou que o pedagogo impartirá varias conferencias, visitará centros educativos e tamén concellos adheridos á rede de ‘Cidades das nenas e dos nenos na provincia’. O propio Tonucci destacou que ata o mes de xullo Pontevedra será un lugar “céntrico” para a súa filosofía pola inauguración este venres da exposición ‘Imaxinar a educación.50 anos con Frato’ (Pazo da Cultura. 17.30 horas 28 de abril), así como pola celebración do encontro de cidades españolas da rede a finais de maio.

No día de mañá Tonucci presentará oficialmente en rolda de prensa a mostra que estará no Pazo da Cultura entre o 28 de abril e o 11 de xuño e visitará o CEIP Viñagrande-Deiro en Vilanova de Arousa, así como os concellos de Cambados e O Grove. O mércores coñecerá a vila de Ponteareas, inaugurará o salón de plenos de Tomiño con máis de 100 rapaces, e xantará nunha comida de traballo cos alcaldes dos concellos adheridos á rede de ‘Cidades dos nenos e nenas’ no sur da provincia. O xoves realizará unha conferencia ás 20 horas no Museo de Pontevedra (entrada libre) sobre ‘A autonomía das nenas e dos nenos: unha necesidade para eles, un recurso para a escola e a cidade’, e o venres impartirá a conferencia de apertura ao público da exposición ‘Imaxinar a Educación. 50 anos con Frato’ ás 17.30 horas no Auditorio do Pazo da Cultura (entrada libre).

A día de hoxe son 20 os concellos da provincia adheridos á rede de Francesco Tonucci: Pontevedra, Catoira, As Neves, Marín, Ponteareas, Salceda de Caselas, Mondariz Balneario, Caldas de Reis, A Cañiza, Valga, Lalín, Arbo, Silleda, Ponte Caldelas, Tomiño, Nigrán, Cangas, A Guarda, O Grove e Cambados.