Un total de 15 portos de titularidade autonómica acadan o distintivo bandeira azul 2017

Os galardoados foron os operadores de portos deportivos de Ribadeo, Viveiro, Sada, Ares, Camariñas, Muxía, Portosín, Cabo de Cruz, San Vicente do Mar, Portonovo, Juan Carlos I (Sanxenxo), Cangas, Moaña, Baiona e Monte Real Club de Iates
Por o 13/05/2017 | Sección: Galicia,Medio Ambiente,Vigo,Xunta de Galicia
Un total de 15 portos de titularidade autonómica acadan o distintivo bandeira azul 2017

Un total de 18 portos galegos dos que 15 dependen da Consellería do Mar e os outros tres de Autoridades Portuarias, conseguiron este ano o distintivo Bandeira Azul que outorga a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor, ADEAC, e que recoñece a calidade das instalacións e servizos dos peiraos deportivos, entre outros.

No caso dos portos de titularidade autonómica, os 15 operadores de portos deportivos que recibiron o distintivo foron Ribadeo, Viveiro, Ares, Camariñas, Muxía, Portosín (Porto do Son), Cabo de Cruz (Boiro), San Vicente do Mar (O Grove), Portonovo (Sanxenxo), Juan Carlos I (Sanxenxo), Cangas, Moaña, Monte Real Club de Iates de Baiona, Sada e Porto Deportivo de Baiona. Estes dous últimos incorpóranse á lista de galardoados nesta edición, xa que o ano pasado non acadaron o distintivo.

Todos os clubs náuticos, mariñas e empresas xestoras premiados tiñan presentado a súa candidatura oficial ao galardón impulsados por Portos de Galicia, o ente público titular do conxunto das instalacións náutico recreativas dependentes da Xunta de Galicia. Desde a Consellería do Mar vense impulsando o recoñecemento da calidade das instalacións portuarias autonómicas a través do asesoramento técnico e administrativo ás entidades candidatas para a obtención do galardón. Ao longo destes anos impartíronse xornadas informativas para os xestores dos peiraos candidatos, de cara a ultimar os trámites para a presentación dos seus postulados.

A cifra acadada nesta edición supón un novo pulo, como viña ocorrendo nos últimos anos, dende que o galardón se ampliou das praias ás instalacións náutico recreativas. Así, a cifra de peiraos autonómicos con Bandeira Azul experimentou un destacado incremento dende a primeira edición de 2009 na que se distinguiron portos, cando se outorgaron 3 distintivos a instalacións galegas.

A colaboración da Consellería do Mar abarca aspectos como os da prestación de servizos de calidade aos usuarios, mellora da ordenación e limpeza das instalacións portuarias, elaboración de programas de sensibilización ambiental e implantación dun sistema de xestión ambiental global para o ente público.

O pulo á calidade nos servizos e ao recoñecemento da mesma é un dos obxectivos prioritarios marcados polo Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020, a Consellería do Mar está a desenvolver. Esta folla de ruta para os peiraos deportivos de titularidade autonómica, establece a xestión sustentable do litoral portuario como unha das liñas vertebradoras da acción de Portos de Galicia, xunto ao deseño de infraestruturas eficientes e a ampliación da responsabilidade social corporativa, entre outras.