Un total de 30 empresas presentan as súas ofertas para a execución das obras de mellora da travesía entre Chapela e Vigo

As obras consistirán na primeira fase de reurbanización da estrada ao longo de 1 km e incluirán a renovación das beirarrúas, que serán ampliadas para facilitar o tránsito de peóns nesta zona do Mercado Municipal e da alameda.
Por o 11/11/2016 | Sección: Vigo,Xunta de Galicia
Un total de 30 empresas presentan as súas ofertas para a execución das obras de mellora da travesía entre Chapela e Vigo
Compartir en:

Un total de 30 empresas presentan as súas ofertas para a execución das obras de mellora da travesía que vai de Chapela a Vigo, a PO-323, na rúa de Vigo.

O investimento da actuación ascende a 2,3 millóns de euros, do que case un 80% será achegado pola Xunta. O 20% restante, arredor duns 485.000 euros, que se corresponden co custo das melloras dos servizos de saneamento e pluviais, serán financiados polo Concello de Redondela.

As obras consistirán na primeira fase de reurbanización da estrada ao longo de 1 km e incluirán a renovación integral das beirarrúas, que serán ampliadas para facilitar o tránsito de peóns nesta zona que é moi concorrida, no contorno do Mercado Municipal e da alameda.

Este proxecto contempla a mellora da totalidade dos servizos urbanos: a rede de abastecemento, saneamento, alumeado, canalizacións eléctricas. Ademais tamén se actuará na intersección, onde se atopa o acceso a Pescanova, para facilitar a saída dos camións.

Cómpre lembrar que se trata dunha actuación, moi demandada e de grande importancia tanto para os veciños da rúa de Vigo, que contarán con beirarrúas máis anchas para facer os seus desprazamentos de xeito máis cómodo e seguro; como para os vehículos que cada día se achegan ata o mercado, que verán mellorado o acceso e reforzada a seguridade.