Un total de 30 pemes de transformación de produtos do mar benefícianse de axudas para mellorar as súas instalacións este ano

O valor destas axudas concedidas pola Consellería do Mar, no marco da convocatoria de 2016, ascende a máis de 4,1 millóns de euros
Publicado por o día 25/10/2017 na sección de Empresas

Un total de 30 pemes de transformación de produtos do mar benefícianse de axudas para mellorar as súas instalacións este ano

A Consellería do Mar concedeu a 30 pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos do mar axudas por valor de máis de 4,1 millóns de euros no marco da convocatoria de 2016. Así o destacou esta mañá a conselleira do Mar, Rosa Quintana, en Dodro, durante unha visita a Fesba, unha das compañías beneficiadas por este tipo de axudas cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Alí a conselleira lembrou que, a través destas axudas, a Xunta apoia proxectos das PEMEs que fomenten a sustentabilidade ambiental e contribúan a aforrar enerxía ou reducir o impacto no medio ambiente. Tamén iniciativas que melloren a seguridade, a hixiene, a saúde e as condicións de traballo das plantas e aquelas que axuden á transformación de capturas de peixe comercial que non se poida destinar ao consumo humano.

Ademais, ao abeiro destas achegas, a Consellería do Mar subvenciona aquelas actuacións relacionadas coa transformación de produtos de acuicultura ecolóxica, así como aquelas que dean lugar a novos e mellores produtos, procesos e sistemas de xestión e organización, entre outros.

Deste xeito, subliñou Rosa Quintana, apostamos por modernizar tecnoloxicamente os procesos de produción e distribución das PEMES de cara a facelas máis competitivas no mercado. Tamén apostamos, engadiu, por conseguir un maior nivel de diversificación e diferenciación da oferta. Así, a estas axudas, sinalou, súmanse as convocadas en febreiro deste ano 2017 co mesmo fin e por un importe de 18 millóns de euros e que na actualidade se atopan en tramitación.

En relación a Fesba, a titular de Mar indicou que é un exemplo de aposta pola xestión de calidade. Neste sentido, explicou que realiza un exhaustivo control das distintas fases de elaboración, envasado e distribución dos seus produtos, entre os que están o polbo, calamar, choco e a pota e tamén peixes como a pescada, o rape e o bacallau e outros elaborados.

A conselleira tamén puxo de relevo a traxectoria desta empresa, que desempeña a súa actividade desde 1968 e que ten como clientes a maioristas e distribuidores nacionais e internacionais. Ademais está presente nas canles de distribución maiorista HORECA (hoteis, restaurantes e cafés) e grandes superficies e comercializa os seus produtos baixo as marcas Fesba, Bico de mar e Chinchorro ou con marca branca.