Toxo: «Hai empresas que pretenden gañar competitividade coa redución de custos do factor traballo»

O secretario xeral confederal participou hoxe en Vigo nunha xornada sobre o mercado de traballo transfronteirizo
Publicado por o día 16/02/2017 na sección de CC.OO,Eventos,Galicia,Sindicatos,Vigo

Toxo: «Hai empresas que pretenden gañar competitividade coa redución de custos do factor traballo»

O secretario xeral confederal de CCOO, Ignacio Fernández Toxo, particiou esta mañá en Vigo nunha xornada sobre as relacións laborais e o mercado de traballo transfronteirizo. O evento organizouno o Consello Sindical Interrexional (CSIr) Galicia-Norte de Portugal, cuxa presidencia rotatoria desempeña actualmente o seu homólogo galego, Xosé Manuel Sánchez Aguión.

Impulsada pola Confederación Europea de Sindicatos (CES), da cal forma parte CCOO, a xornada enfocouse a debater sobre como os CSIr poden influír na activación dos mercados de traballo transfronteirizos, facilitar a libre circulación de traballadores e traballadoras, así como mellorar a cohesión social e territorial.

Aproveitando a súa participación neste evento, os secretarios xerais dos catro grandes sindicatos peninsulares compareceron nunha conferencia de prensa conxunta para exporen a súa visión sobre estes temas. Sánchez Aguión e o seu homólogo de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, exerceron de anfritrións para Toxo, Pepe Álvarez (UGT), Arménio Carlos (CGTP-IN) e Carlos Silva (UGT-P).

O secretario xeral confederal de CCOO referiuse, entre otros asuntos, ao «éxodo» de investimentos en Galicia, especialmente en sectores como a automoción. O dirixente sindical atribuíu este feito a que «hai empresas que pretenden gañar competitividade coa redución de custos do factor traballo».

CSIr Galicia-Norte de Portugal

O CSIr Galicia-Norte de Portugal, constituído en 1985, intégrano dous sindicatos galegos e outros dous portugueses: o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, a UGT de Galicia, a UGT de Portugal e a CGTP-IN. A súa principal función é ofrecer un punto de vista máis achegado da representación e a defensa das traballadoras e traballadores a ambas as beiras da fronteira.

En Europa hai constituídos 45 CSIr entre diferentes rexións fronteirizas, e o de Galicia-Norte de Portugal é un dos máis antigos: foi o noveno en se constituír. O actual presidente deste CSIr é Xosé Manuel Sánchez Aguión, secretario xeral de CCOO de Galicia.