Traballadoras de Lefties da provincia da Coruña denuncian a explotación laboral que sofren

Concentráronse diante do Centro Comercial As Cancelas e diante mesmo da tenda de Lefties
Publicado por o día 28/09/2018 na sección de CIG,Protestas,Sindicatos

Traballadoras de Lefties da provincia da Coruña denuncian a explotación laboral que sofren

Traballadoras da tenda de Lefties das Cancelas, en Santiago de Compostela mobilizáronse esta mañá para denunciar a explotación laboral á que se ven sometidas. Tras concentrarse ás portas do centro comercial percorreron os corredores para rematar cunha concentración ás portas da propia tenda entre cánticos de “estamos explotadas, estamos explotadas, en Lefties nos explotan e Amancio non fai nada”.

A CIG leva varios anos demandando que Inditex incremente o persoal indefinido nas tendas Lefties, porque o que hai actualmente é insuficiente. Tal é así que nos sucesivos estudos psicosociais realizados entre as traballadoras, os resultados constatan que cada vez a situación é peor. Este exceso de carga de traballo tanto física como psíquica repercute na saúde e na seguridade de todo o persoal. Porén, lonxe de incrementar o número de traballadoras, a empresa implantou xa en Zara e Lefties de Marineda 14 caixas de autocobro nun intento de suplir ás traballadoras.

Carmiña Naveiro, representante da CIG no comité de empresa de Zara España S.A. lembra que a instancias da central sindical a finais do ano pasado se repetiron nas tendas Lefties da provincia da Coruña as enquisas para detectar os riscos psicosociais nas tendas. “O último estudo descubriu que a situación non só seguía igual, senón que mesmo o risco era moito máis elevado”, explica.

Naveiro sinala que a dirección da empresa é coñecedora disto dadas as reiteradas denuncias da CIG e que mesmo se presentaron denuncias tamén diante da propia Inspección de Traballo. “A dirección da empresa malia saber en que condicións desenvolve o seu traballo o persoal négase a adoptar as medidas necesarias para eliminar estes riscos aínda que está obrigada a facelo”.

A representante da CIG denuncia ademais que “toda esta situación vén derivada dunha mala organización da propia dirección da empresa que prefire que as traballadoras vaian pedir milagres a Lourdes que darlle unha solución”. A isto engade que “a CIG non entende que unha grande empresa como Inditex non invista un peso na seguridade e saúde das traballadoras e permita esta situación nas tendas Lefties”.

Caixas de autocobro

Nas tendas de Zara e Lefties do Centro Comercial Marineda, Inditex decidiu implantar 14 caixas de autocobro “onde a multinacional utiliza ás clientas para que fagan as funcións das traballadoras autocobrándose e autoembolsándose e mesmo desalarmando as prendas co único obxectivo de aforrar cartos na contratación de persoal”.

A este respecto, Carmiña Naveiro, lembra que desde a CIG xa se solicitou da dirección de Zara España S.A en distintas ocasións a súa retirada e proceda á contratación do persoal necesario e se free o deterioro das condicións laborais. “É vergoñento que unha empresa que obtén miles de millóns en beneficios utilice as máquinas para suplantar ás traballadoras antepoñendo os seus intereses económicos á saúde e seguridade das traballadoras”.

Por iso piden á clientela que faga o seu pagamento nas caixas de sempre, onde atende persoal e que “pense primeiro nos postos de traballo que se perden aumentando os millóns de beneficios de Inditex a conta da nosa precariedade e da perda de postos de traballo no futuro”.

Mobilizacións

Dada a  grave situación que están a sufrir as traballadoras nas tendas a CIG inicia mobilizacións, logo de ter desenvolvido nos meses previos ao verán unha campaña informativa e de sensibilización. A primeira tivo lugar xa hoxe.