Traballadoras/es da residencia de maiores de Ferrol reclaman máis persoal e melloras nas instalacións

Critican que a Consellaría de Política Social non atende as súas demandas
Publicado por o día 20/08/2019 na sección de CIG,Ferrol,Galicia,Sindicatos

Traballadoras/es da residencia de maiores de Ferrol reclaman máis persoal e melloras nas instalacións

Traballadoras e traballadores da residencia mixta de maiores de Ferrol demandan da Consellaría de Política Social que aumente o cadro de persoal deste centro para garantir tanto as condicións laborais como a calidade asistencial ás persoas residentes. O colectivo de auxiliares de enfermería remitiu o pasado mes de xullo un escrito á Xunta para que adoptara medidas urxentes para corrixir tanto a falta de persoal como as deficiencias estruturais e de material das instalacións, mais até o momento a petición non recibiu resposta.

Dende o colectivo de auxiliares denuncian que nesta residencia se está a traballar con quendas a mínimos nas que non se corresponden o número de efectivos coas matrices entregadas ao comité; ou que as ratios de persoal non están calculadas para a actual carga de traballo, polo que sería necesaria a mellora dos protocolos de actuación ao quedaren os existentes totalmente inadecuados e obsoletos.

Neste senso, o comité provincial de Política Social explica que se están a facer valoracións de residentes de novo ingreso como persoas autónomas cando na realidade “son persoas que precisan axuda para desenvolver a súa vida diaria, o que as converte en dependentes”. Xunto a isto, denuncian as deficiencias estruturais das propias instalacións da residencia, que obriga a ter que mover cadeiras de rodas por corredores estreitos e con elevadores pequenos e escasos.

A isto engádese o empeoramento das quendas nos últimos anos sen compensación horaria nin económica polo traballo en domingo e festivos. Isto provoca, subliñan, “ter que traballar unha media de 10 días ao ano máis que antes de 2007”.

Menos propaganda e máis recursos

Dende a representación social alertan que esta situación afecta non só ás condicións laborais do persoal senón tamén ás condicións asistenciais polo que esixen un incremento de traballadores/as e inversións na mellora das instalacións. A este respecto, lamentan que a única medida adoptada por parte da Consellaría até agora sexa “maquillar con propaganda de festexos e múltiples celebracións unha situación que é de deixamento e ineficacia na solución dos problemas desta residencia”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.