Traballadores/as de Alcoa concéntranse diante da Xunta para exixir a implicación de Feixóo

A CIG loitará por evitar o peche da fábrica, garantir a continuidade de todos os postos de traballo e da actividade
Por o 03/01/2019 | Sección: CIG,Protestas,Sindicatos
Traballadores/as de Alcoa concéntranse diante da Xunta para exixir a implicación de Feixóo

Traballadores e traballadoras de Alcoa concentrábanse esta mañá diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en Compostela, para exixir a implicación directa do Presidente do goberno galego e do conselleiro de Industria no conflito. “A Xunta aínda non fixo abondo e non pode botar balóns fóra”, aseguraba o delegado da CIG, Xulio Moscovich, ás portas da consellaría.

O representante da CIG alertou de que “hai dúas fábricas que están na picota agora mesmo na Coruña, pero se caemos nós caerá tamén, tarde ou cedo, a fábrica de San Cibrao e vai ser un pau para a economía do país”. Por iso, reiterou que a Xunta “ten que implicarse moitísimo máis do que está facendo”.

Tarifa para a industria electrointensiva

Moscovich lembrou que a CIG leva anos reclamando unha tarifa eléctrica para a industria electrointensiva que pasa por recoñecer un estatus específico para este tipo de industria, identificar quen son e dotala dunha tarifa estábel, predicíbel e competitiva. Denunciou a poxa de interrompibilidade por ser un sistema “nefasto” e “perverso” que “non dá solución a este tipo de industria máis alá de pór un parche cada ano porque, unha vez podía saír ben para unha industria e outras veces mal”.

Lembrou que nos últimos anos foi un auténtico desastre e defendeu que o sistema demandando pola CIG é “máis xusto e equitativo”. Por iso saudou que agora, desde o goberno galego, se recoñecera parte do que a CIG viña defendendo respecto da tarifa eléctrica, “aínda que non recoñezan que era o que desde a CIG viñamos dicindo”.

Lembrou a recente xuntanza en Bruxelas co comisario europeo da Enerxía, Arias Cañete, onde se lle presentou o modelo de tarifa para a industria electrointensiva proposto pola CIG. “Recolleu as nosas propostas, debatemos certos puntos e foi bastante receptivo. Cónstanos que trasladou parte desas propostas á Xunta”.

Con todo isto, Moscovich reiterou a demanda de que a Xunta se implique e presione de forma efectiva ao goberno do Estado e a Comisión Europea “dunha forma leal con todos” porque, ao seu entende, “o que non pode ser é que usen este conflito para intentar sacar tallada política e botar culpas ao goberno do Estado”.

En todo caso, o representante da CIG matizou que “é certo que o goberno actual de Pedro Sánchez non está sendo todo o rápido que debera, por iso estámoslle reclamando todos os días que tome medidas, pero non temos que olvidar que este conflito vén desde o ano 2012 e desde aquela até o 2018 gobernou o PP de Feixó tanto no goberno da Xunta como no goberno do Estado e seguimos igual”.

or iso considerou que é “cinismo” botarlle toda a culpa ao goberno actual cando eles estiveron 6 anos e non deixaron solucionado o tema”.

Alcoa non se pecha

Na última xuntanza con Alcoa, o pasado 28 de decembro, os representantes da CIG reiteraron a petición de retirada do ERE e criticaron a postura de Alcoa que pretendía entrar a falar o plan social de acompañamento mentres, desde a parte social, se pediu deixar esa cuestión aparcada. “Alcoa quería que entraramos de cheo a negociar as condicións dos despedimentos, limitando todo a unha cuestión de cartos, e aínda por enriba pretendía que foramos nós quen fixeramos unha primeira proposta, antes mesmo de expor a súa”, lembrou Moscovich.

Para a CIG, calquera proposta do persoal non será para negociar despedimentos, “senón no sentido de evitar o peche da fábrica e garantir a continuidade de todos os postos de traballo e da actividade”, concluíu.

Comentar noticia

Your email address will not be published.